GÓMEZ NOYA LOGRA O PRIMEIRO TRIUNFO DA SÚA VIDA EN YOKOHAMA

17 de Maio de 2014

Javier Gómez Noya segue imparable neste inicio de tempada. Hoxe sumou o terceiro triunfo consecutivo en tres probas das Series Mundiais e logrouno en Yokohama, un lugar onde ata agora non fora quen de lograla vitoria. Pero esta chegou hoxe e cun sprint final apoteósico co seu compañeiro de selección e amigo, Mario Mola. Ademais, hai que destacar o sétimo posto de Fernando Alarza, o triunfo de Susana Rodríguez en paratriatlon e o 28º posto de María Ortega, que foi a mellor española.

Na proba de elite masculina, Javi, coma nel é habitual, estivo sempre moi ben colocado. Saíu da auga no grupo cabeceiro e na bicicleta foi cómodo nun grupo bastante amplo, que ía medrando ao incorporarse corredores que viñan dende atrás. Así, cando chegaron á segunda transición eran un total de 36 triatletas, con Alarza entre eles. Mola e Richard Murray lograban sumarse ao grupo dos líderes despois de remontar a súa desvantaxe.

Á saída da T2, os Brownlee tentaron romper a carreira e atacaron con dureza, pero Gómez Noya non lles deu opcións de escaparse e uniuse aos irmáns. Por detrás, Mola e o sudafricano situábanse nos postos dianteiros, e cos Brownlee perdendo terreo mediado o sector, Noya, Mola e Murray comezaban a súa loita polo máis alto do podio. Restando un quilómetro, os españois lograban zafarse de Murray, para a continuación manter un intenso e espectacular duelo, con ambos os dous triatletas intentando deixar atrás o un ao outro sen éxito.

Así, o ferrolán nun axustado final, conseguía superar a Mola, e asinaba a súa terceira vitoria consecutiva da tempada ITU. Pola súa banda, Fernando Alarza tamén obtiña unha espléndida sétima praza, entrando no top-ten da competición. Ademais, Vicente Hernández lograba a 24ª posición e Uxío Abuín, que saíu da auga xunto a Alarza, tiña que retirarse.

Tras esta competición, Javier Gómez Noya conserva o liderado do ránking ITU con 2400 puntos. A segunda praza ocúpaa Jonathan Brownlee con 2066 puntos e Mario Mola alcanza a terceira praza cunha puntuación de 1837.

Proba feminina. En elite feminina as galegas cumpriron o seu obxectivo que era puntuar para o ránking, aínda que con diferentes sensacións. María Ortega, que ocupou a 28ª posición, estivo entre as primeiras na natación e na bicicleta, pero pagou o esforzo no último segmento. Pola súa parte, Melina Alonso saíu moi descolgada da auga e iso a deixou case sen opcións, aínda que a ferrolá tentou apertar forte para lograr puntos para o ránking mundial. Ao final, chegou na 44ª posición.

Susana Rodríguez, primeira. A xornada foi case perfecta para os deportistas da Federación Galega de Tríatlon, xa que a viguesa Susana Rodríguez logrou o triunfo na categoría PT5 (deportistas con deficiencias visuais) de paratriatlon. Susana, coa súa guía Mayalen Noriega, fixo unha moi boa natación e unha excepcional bicicleta, que lle permitiu abrir distancias, para despois correr máis relaxada e chegar a meta na primeira posición con tempo de 1:10:38, mentres que segunda foi a británica Torojil Reid (1:11:02).

 

Quizáis che interese…