Gómez Noya prepárase para Kitzbühel en Manzaneda

18 de Xuño de 2013

A estación de esquí de Manzaneda sérvelle a Javier Gómez Noya como campo de traballo para aclimatarse á competición en altitude de Kitzbühel.

Ata a proba do 6 de xullo, o actual líder das Series Mundiais de Tríatlon adestrarase na montaña ourensá cunha cota máxima de máis de 1.700 metros despois dunha semana previa de preparación en Pontevedra.

Únicamente acompañado do seu adestrador, Carlos David Prieto, á espera de que se poida unir o pontevedrés Pablo Dapena a última semana ao estar actualmente recuperándose dunha fascite, Gómez Noya ten por diante un programa axustado especificamente a Kitzbühel como perfila o técnico lucense: “Temos que adaptar a natación á distancia -750 metros-, só un día á semana non nada e hoxe domingo fixemos 3 horas de bici cun par de portos duros pola zona dos canóns do Sil ata a estación, comer, un pouco de descanso e unha sesión de mantemento. Nas fins de semana faremos sempre un test nun porto duro, agardamos manter o nivel de carreira e aumentar a intensidade na natación”.

Circuíto Kitzbühel 2013

Circuíto Kitzbühel 2013

Nun circuíto totalmente novo nas probas ITU -750 m de natación, 11,5 km de ciclismo con pendentes do 22% e 2,5 km de carreira a pé a 1.000 metros de altitude-, Gómez Noya e Carlos David Prieto coinciden en que a cita se decidirá en bicicleta. “É difícil de prever porque non sabes como vai o resto aínda que imaxino que os Brownlee irán ben, tamén Mario Mola e João Silva, ademais de Murray porque vén do mundo da mountain bike”, presaxia o subcampión olímpico. “A bici será case unha cronoescalada, quen se reserve, vai perder tempo”, asegura o adestrador do triatleta ferrolán.

Bici KitzDeste xeito, Galicia mantense como sede dos adestramentos do bicampión do Mundo tamén ante o reto da loita de Kitzbühel que terá lugar o sábado 6 de xullo ás 13.06 horas nos Alpes austríacos.

 

Quizáis che interese…