Javier Gómez Noya enfronta o domingo 25 de agosto (15:30 horas) a cita de Estocolmo, penúltima proba das Series Mundiais do 2013, coa ilusión do lograr o segundo triunfo e consolidar así o liderado provisional no Campionato do Mundo. Claro que será unha tarefa complexa, xa que en Estocolmo estarán os irmáns Brownlee que necesitan rematar esta proba nunha boa posición para seguir con opcións ao título mundial.
A cita é importante para todos. Os irmáns Brownlee teñen dous triunfos, pero están obrigados a participar nas últimas dúas probas sen cometer erros, xa que non poden descartar ningún resultado ao disputar so as xustas. Mentres, Javi Gómez Noya so logrou un primeiro posto, pero a favor o galego ten a participación en moitas máis probas. Javi estivo adestrando duramente xunto ao atleta galego Alejandro Fernández a carreira a pe durante estas últimas semanas, e espera ver resultados xa na proba de Estocolmo.
Ademais, temos que destacar a presenza de Óscar Vicente na proba, unha oportunidade moi boa para o galego para enfrontarse aos mellores triatletas do mundo. A ausencia máis destacada é a de Mario Mola (segundo na clasificación mundial) por problemas musculares.
Esta Serie Mundial celebrarase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe). A natación celebrarase no porto de Estocolmo e despois chegará o momento da bicicleta nun trazado técnico que rodea a vella cidade de Estocolmo.
No ano 2012, Estocolmo foi a primeira proba trala disputa dos Xogos Olímpicos e Jonathan Brownlee foi o primeiro clasificado, mentres que Javier Gómez Noya foi prata.