O XXV TRÍATLON DO MIÑO REUNIRÁ O DOMINGO 25 DE AGOSTO AOS MELLORES DEPORTISTAS GALEGOS

22 de Agosto de 2013

 O domingo 25 de agosto terá lugar en Lugo A XXV edición do  Tríatlon do Miño, coa participación de 330 deportistas en todas as probas programadas. O Tríatlon do Miño celebra as súas vodas de prata cunha inscrición excepcional, xa que estarán case todos os mellores deportistas galegos, que están triunfando tanto a nivel estatal coma internacional.

O Tríatlon do Miño, que é a quinta e última proba do Circuíto Galego,  dispútase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), e a saída, boxes e meta están situadas na área recreativa “Los Robles”. A proba feminina comezará ás 12:10 horas e as grandes favoritas para loitar polo triunfo son as irmáns Melina e Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), Ricarda Lisk (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial), María Ortega (Wild Wolf), Marta Barbeito (A.D. Fogar) e Silvia Veira (Arcade Inforhouse), ademais das mellores cadetes a nivel nacional. Con todas elas, espérase unha proba moi competida e de gran nivel.

O mesmo sucede na categoría masculina (12:30 horas), onde estarán os mellores do pelotón non só galego, senón tamén estatal. Así, en Lugo competirán Jesús Gomar (Wild Wolf Cidade de Lugo), Uxío Abuín (Muralla de Lugo), Antón Ruanova (Arcade Inforhouse), Brais Canosa (Arcade Inforhouse) ou Antonio Serrat  (Wild Wolf Cidade de Lugo), polo que o nivel será o dun campionato de España. Ademais, tamén estarán os mexicanos do Wild Wolf, polo que o espectáculo está garantido.

Probas populares. Ademais, no Tríatlon do Miño celebraranse varias probas máis. Ás dez da mañá darase a saída a “Nada e Corre” para as categorías benxamín e alevín, que non ten carácter competitivo, senón que busca a participación dos máis pequenos (150 metros de natación e 500 de carreira a pe).  As 10:05 horas comezará a proba popular sobre a distancia mini-sprint (300 metros natación, 13 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe) e a continuación comezarán as probas federadas.

Quizáis che interese…