A galega Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) disputará esta fin de semana a Copa do Mundo de Tiszaujvaros (Hungría). Está é unha das probas máis antigas do calendario e ademais unha das máis orixinais, xa que se disputa nun formato diferente.
O sábado 22 celebraranse as semifinais nas que as e os triatletas buscarán o pase para a final, que se disputará ao día seguinte (15:45, proba feminina). Na proba feminina hai dúas semifinais e se clasifican as 14 primeiras de cada semifinal, ademais de dous postos por tempo. É dicir, en total 30 triatletas disputarán a final do domingo. Ambas probas celebraranse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe), polo que os participantes deberán regular as forzas para clasificarse primeiro e chegar en boas condicións á final, despois.
Inés, que se atopa nun bo momento de forma, ven de disputar a Serie Mundial de Hamburgo, onde rematou na 30ª posición, despois de quedar cortada na bicicleta por unha caída.