Banyoles acollerá esta fin de semana (22 e 23 de xullo) os Campionatos de España de Tríatlon Sprint e Acuatlón, con 2.700 participantes e unha destacadísima presenza de triatletas galegos en todas as probas. Ademais, celebrarase o Campionato de Europa de Tríatlon por Clubs coa participación do Cidade de Lugo Fluvial.
O sábado 22 terá lugar o Campionato de España de Tríatlon Sprint -4ª xornada da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon- nas categorías cadete, júnior, grupos de idade e elite (tanto masculino coma feminino).
A primeira proba en disputarse será a cadete masculina (a partir das 09:30 horas en tres diferentes saídas) e posteriormente a feminina (10:00 e 10:10 horas), que son as de maior participación polo que se decidiu facer diferentes saídas, por motivos de seguridade. As distancias cadete son de 750 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe. Entre os galegos inscritos podemos destacar a Jorge González, Arturo Ramos, Javier Pena, Martín Cando, Esteban Basanta, Víctor Bouzón, Jorge Morado (categoría masculina) e Henar Cons, Noelia Serantes ou Irene Mera, na feminina.
Posteriormente celebraranse as probas júnior masculina (14:00 horas) e feminina (14:10). Aquí esta tempada houbo unha gran renovación, polo cambio de categoría de Andrés Cendán, Inés Santiago, Sara Guerrero, Carmen Gómez… Así que os deportistas aínda están no primeiro ano e medrando. Pero contaremos con Iria Rodríguez (campioa o pasado ano en cadete), que chega un pouco xusta a esta proba, xa que se está a recuperar dunha fractura de estres no pe. Tamén participarán Enma Romeo, Inés Castaño, Marcos Ruíz ou Iván Puentes, César Otero, entre outros. As distancias serán de 750 metros de natación, 20 de ciclismo e 5 de carreira a pe.
Elite. A proba elite feminina comezará ás 18:15 horas con destacadas triatletas na lista de saída. A galega Camila Alonso reaparece despois dun mes parada por culpa da lesión que lle provocou a caída que sufriu na Copa do Mundo de Cagliari a comezos de xuño (subluxación no ombreiro). Camila aínda non está ao cento por cento, pero sairá con gañas de facer un bo papel. E haberá máis galegas coma Sara Guerrero, Carmen Gómez, Melina Alonso, Marta Barbeito, Carla Castaño, as irmás Brea, entre outras. Enfronte, grandes rivais coma Carolina Routier, Cecilia Santamaría, María Ortega, Sara Bonilla ou Anneke Jenkins.
Ás 20:00 horas comezará a elite masculina, con moitos galegos entre os favoritos, nunha proba que se presenta moi aberta e cun nivel destacadísimo, xa que na saída haberá numerosos triatletas internacionais. Pódese destacar dos galegos a Uxío Abuín, Antonio Serrat, Pablo Dapena, Alberto Castiñeira, Andrés Cendán ou Martín Carrera, que terán que loitar contra David Castro, Ricardo Hernández, Genis Grau, Roberto Sánchez, Ignacio González… Sen dúbida unha proba moi aberta, na que os nosos terán opcións.
No ano 2016, Galicia acadou un bo botín de medallas: Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) proclamouse campioa de España de Tríatlon Sprint da categoría cadete. Inés Santiago foi prata e Carmen Gómez, bronce, na categoría júnior feminina, mentres que Andrés Cendán logrou o bronce masculino. Por último, na categoría absoluta, Uxío Abuín foi prata, con Antonio Serrat no terceiro chanzo do podio, ao acadar o bronce.
Domingo. O domingo 23 celebrarase o Campionato de Europa de Tríatlon por clubs e o Campionato de España de Acuatlón (tamén nas categorías cadete, júnior, elite e grupos de idade).
No Europeo de clubs, que comezará ás 09:00 horas, participará o Cidade de Lugo Fluvial. Será unha competición de relevos mixtos (dous homes e dúas mulleres) na que cada un dos integrantes realizarán un mini-triatlon e darán a quenda a seu compañeiro.
A continuación, comezará o Campionato de España de Acuatlón, nas súas diferentes categorías. A saída cadete masculina será ás 12:00 horas e dez minutos despois iniciarán a marcha as chicas. As distancias son de 500 metros de natación e 2,5 quilómetros de carreira a pe.
E a xornada continuará coa proba júnior masculino (12:30 horas), júnior feminino (12:35 horas) e grupos de idade (12:45 horas). Para rematar coas probas elite feminina (13:30 horas) e masculina (14:00 horas). En todas estas probas as distancias serán de 1.000 metros de natación e 5 quilómetros de carreira a pe.
No ano 2016, Antonio Serrat logrou a medalla de prata no Campionato de España de Acuatlón, igual que Iria Rodríguez na categoría cadete. Ademais, houbo dous bronces galegos máis: Jorge González (cadete) e Andrés Cendán (júnior).