Na categoría júnior houbo moito e bo para Galicia no Campionato de España de Tríatlon que se disputou en Águilas. E iso a pesar dunha caída. Na proba feminina, Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) liderou a proba dende o inicio. Na natación xa logrou poñerse en cabeza cuns 15 segundos de vantaxe sobre Cecilia Santamaría e Carmen Gómez. Mandaba con comodidade na bicicleta cando sufriu unha caída que lle fixo perder moitas posicións. Así, saíu da T-2 cunha importante desvantaxe sobre as dúas de cabeza, pero facendo unha carreira a pe impresionante, na que logrou o mellor parcial, foi quen de superar a Carmen e achegarse a Cecilia Santamaría (deportista do Cidade de Lugo), que foi ouro cu tempo de 01:06:08. Inés acadou a prata (01:06:40) e o bronce tamén foi para outra galega, Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), cun tempo de 01:07:11. Por se fora pouco, houbo outra galega máis no top-5: Sara Guerrero foi quinta cun tempo de 01:08:33.
Na categoría masculina, Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) estivo na loita polo podio dende o inicio xunto a Javier Lluch (do Cidade) e Alberto González (do Arcade). Así, saíron moi xuntos da primeira transición, e continuou esa mesma liña na bicicleta. Así, na saída da segunda transición, Andrés ía segundo. Todo tivo que decidirse na carreira a pe e aí foi máis forte Alberto González (59:03), que logrou o título. A segunda posición foi para Javier Lluch (59:21) e o bronce para Andrés Cendán (59:46). Ademais, podemos destacar a 15ª posición de Carlos Brión (Natación Riveira).