ALARZA, QUINTO NA PROBA DE YOKOHAMA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON

14 de Maio de 2016

Moito mérito ten o quinto posto acadado hoxe por Fernando Alarza na cuarta proba das Series Mundiais de Yokohama. O deportista do Grupo de Alto Rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva saíu a competir moi débil por culpa dunha infección de oídos e a pesares dixo estivo sempre entre as primeiras posicións. Triunfo para Mario Mola e confirmación de que España contará con tres prazas (tanto na categoría masculina coma feminina) en Río. A espera da confirmación por parte da Federación Española de Tríatlon, Fernando Alarza será o terceiro representante en Brasil polos seus méritos deportivos.

En Yokohama todo se decidiu no terceiro e último segmento. Antes, houbo 1.500 metros de natación, que nesta oportunidade non foron decisivos. Ben Kanute e Henri Schoeman lideraban o sector, con Fernando Alarza e Mario Mola un pouco retrasados. Pero a distancia non era moi importante, así que na primeira volta do ciclismo, Mario e Mola chegaron á cabeza do pelotón e aí estiveron ata o remate dos 40 quilómetros de bicicleta. Era un pelotón enorme, con uns 60 integrantes, polo que quedaba todo por decidir.

Na segunda transición, o mallorquino Mola estivo moi áxil e saíu a correr na primeira posición, situación que xa non abandonou ata o remate da proba. Pegado aos seus talóns o noruegués Cristian Blummenfelt, que leva unhas semanas imparable (primeiro na Copa de Europa de Madrid e tamén na Copa do Mundo de Cagliari). Por detrás, Alarza quedara un pouco descolgado na segunda transición pero foi remontando postos ata encabezar o grupo perseguidor.

Mola parecía non sufrir o máis mínimo, mentres que Blummenfelt si facía un esforzo extra para seguir ao español, de forma que a metade da carreira a pe, Mario meteu unha marcha máis que xa non puido seguir o noruegués. Por detrás, Crisanto Grajales deuse conta de que Alarza non podía atacar, e marcou un ritmo alto para primeiro deixar atrás ao seus compañeiros no grupo perseguidor e despois buscar ao segundo clasificado, que se estaba quedando sen folgos. E así foi. O mexicano Grajales (outro habitual adestrando en Galicia cos nosos deportistas) logrou primeiro alcanzar a Blummenfelt e despois deixalo atrás. Desta forma o podio quedou formado por Mario Mola (01:46:27), prata para Crisanto Grajales (01:46:42) e bronce para Blummenfelt (01:46:45). Finalmente, Alarza, que sempre ía na cuarta posición, foi superado na liña de meta polo australiano Jacob Birtwhistle (01:46:50), para rematar quinto cun tempo de 01:46:54.

Despois, a través do seu twitter, o deportista do CGTD con licenza galega, explicou os seus problemas: “Día duro na oficina: Onte pola noite unha pequena infección no oído déixame sen durmir e unha dor bastante aguda e mareos. Bastante débil pero ao final puiden salvar o día cun 5º posto que me sabe a gloria! Moi contento co traballo feito!”.

As Series Mundiais de Tríatlon 2016 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Cidade do Cabo (Sudáfrica), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Estocolmo (Suecia), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá) e Cozumel.

Trala disputa da cuarta proba do mundial Mario Mola segue como líder con 3.033 puntos, Alarza continúa na segunda posición con 2.759 puntos e terceiro é Crisanto Grajantes (1.640), que adiantou a Jonathan Brownlee, que hoxe non competiu en Xapón.

Quizáis che interese…