IRIA RODRÍGUEZ E INÉS CASTAÑO DISPUTARÁN A COPA AMÉRICA DA HABANA

21 de Febreiro de 2019

Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) e Inés Castaño (Arcade Inforhouse) debutarán esta fin de semana nun tríatlon de distancia olímpica e ademais será nunha proba internacional e noutro continente: Ambas disputarán a Copa de América de Tríatlon da Habana.

A  CAMTRI da Habana dispútase sobre a distancia olímpica, o que será un reto para as nosas dúas representantes, que este ano dan o salto a categoría (pasan a ser sub 23) e precisamente en Cuba enfrontarán o seu primeiro tríatlon nesta distancia. Inés Castaño, aínda con 19 anos, explicounos que “será o meu primeiro tríatlon olímpico, pero chego con moitas ganas e no meu mellor estado de forma”. A galega está contenta porque “fixen unha boa pretempada, sen lesións, e este ano madurei deportivamente, o que tamén se aprecia en cada adestramento”.

Ambas triatletas viaxan con moita ilusión, aínda que “son consciente de que me falta moita experiencia en probas internacionais elite. So penso en regresar coa mochila chea de novas experiencias”, manifestou Inés.

Iria Rodríguez, que acaba de cumprir os 20 anos, amosou un magnífico estado de forma neste inicio de tempada, ao lograr o título na categoría sub 23 e terceira na absoluta no Campionato Galego de Campo a Través, que se celebrou a comezos de mes en As Pontes.

O obxectivo fundamental nesta proba na Habana é o de sumar puntos para o ranking mundial. A finais de marzo, disputarase en Huelva o Campionato Iberoamericano e ambas queren estar aí, xa que esta proba será fundamental para decidir quen se clasifica para a disputa do Europeo e outras probas internacionais.

Quizáis che interese…