Iván Raña enfronta o sábado 10 de outubro o Campionato do Mundo de Ironman en Kona (Hawai) con moitas ilusións, despois dun ano de preparación pensando nesta proba. O galego aparece en todas as listas de favoritos, na que destaca o nome e Jan Frodeno.
Iván Raña leva xa tres tempadas na longa distancia. Na súa primeira participación no Mundial (Hawai 2013) logrou unha magnífica sexta posición, pero na segunda non se atopou ben en ningún momento e rematou 17º. Agora cambiou o método de traballo buscando chegar nas mellores condicións a Kona. Ademais leva xa varios días na illa adestrando e adaptándose a esa condicións. Iván recoñece que é unha proba especial para el e espera poder gozar (a pesar do tremendo sufrimento) coma no ano 2013. O galego pensa que Frodeno será un gran rival, pero recorda que as probas de longa distancia son diferentes.
As distancias do Ironman son de 3,8 quilómetros de natación, 180 quilómetros de bicicleta e 42,2 quilómetros de carreira a pe e na proba de Hawai participarán un total de 2.195 deportistas.