Iván Raña enfronta mañá sábado 11 de outubro (6:00 horas local, 15:00 horas en Galicia) o Campionato do Mundo de Ironman en Hawai con moitas ilusións, despois dun ano de preparación pensando nesta proba. O galego aparece en todas as listas de favoritos, pero nunha proba tan dura coma esta calquera cousa pode modificar os papeis.
O importante é que Iván está a realizar unha gran tempada, cunha vitoria espectacular en Klagenfurt (Austria) na que logrou un tempo excepcional (7 horas e 48 minutos). Con ese tempo seguro que sería campión do mundo na isla de Kona, pero as condicións son moi diferentes e en Hawai lograr un tempo de 8 horas e 10 minutos poderá ser máis que suficiente para gañar.
Iván Raña deu o salto á longa distancia a pasada tempada e na súa primeira participación no Mundial (Hawai 2013) logrou unha magnífica sexta posición. A súa primeira fazaña nesta distancia. Agora, con máis experiencia e unha preparación dirixida a esta proba, Iván pretende loitar polo podio. Xunto a el estarán deportistas tan destacados coma Frederic Van Liede, Jan Frodeno ou Víctor del Corral.
As distancias do Ironman son de 3,8 quilómetros de natación, 180 quilómetros de bicicleta e 42,2 quilómetros de carreira a pe e na proba de Hawai participarán un total de 2.195 deportistas.