JAVIER GÓMEZ NOYA ABANDONA EN ESTOCOLMO CON PROBLEMAS ESTOMACAIS

23 de Agosto de 2014

Javier Gómez Noya, con problemas físicos, non puido rematar hoxe a proba das Series Mundiais de Estocolmo 2014, na que Jonathan Brownlee logrou o triunfo. O galego, que arrastraba molestias estomacais dende o día de onte, optou por retirarse cando veu que non tiña opcións de sumar puntos. Agora, só pensa en recuperarse fisicamente para disputar a Gran Final de Edmonton: Para conseguir o cuarto mundial deberá rematar entre a primeira e a cuarta posición (e xa non importaría o que fixeran os seus rivais).

A proba comezou con mal pe para Gómez Noya antes de tempo. O día antes o ferrolán empezou a sufrir problemas estomacais, pero aínda así decidiu saír a competir. E iso a pesar da chuvia e do frío que tiveron que enfrontar os participantes. Pero dende o inicio todo se puxo en contra do galego, que xa quedou descolgado na natación. Na bicicleta lograron escaparse os irmáns Brownlee, que grazas a un gran traballo en equipo, abriron un oco de case un minuto sobre o grupo que ía por detrás, con Gómez Noya e Mario Mola, entre eles. Pero cando comezou o terceiro segmento, o tricampión do mundo decidiu abandonar, xa que non había opcións de sumar puntos e non tiña sentido seguir sufrindo. Desta forma, o triunfo decidiuse entre os británicos, con vitoria  para Jonathan (57:31), que é o que ten opcións de loitar polo mundial. Prata para Alistair (57:37) e bronce para o alemán Gregor Buchholz (58:27), mentres que Mario Mola quedou a só un segundo do podio (cuarto con 58:28).

Por detrás Fernando Alarza ía remontando posicións, despois de que estivera no segundo grupo durante o segmento de bicicleta. Pero as molestias que arrastra na fascia do pe comezaron a facerse insoportables e rematou o último quilómetro camiñando e chorando coa dor. Evidentemente, nese quilómetro perdeu moitas posicións para chegar a meta no posto 32. Pola súa banda, Jesús Gomar, que estivo sempre no grupo dos favoritos, logrou un bo 23º posto. Na proba feminina, discreto papel de María Ortega, que foi 47ª.

Trala disputa das sete probas das Series Mundiais 2014 previas á gran final del Edmonton (que terá lugar a próximo fin de semana), Javier Gómez Noya mantense líder provisional do Mundial con 3.833, mentres que Jonathan Brownlee suma 3.551 puntos e Mario Mola ten 3.491. Gómez Noya revalidará o título mundial de tríatlon se queda entre os catro primeiros clasificados en Edmonton, sen necesidade de mirar ao resto dos competidores.

 

 

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....