JESÚS GOMAR, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRIATLÓN DE DISTANCIA OLÍMPICA

8 de Setembro de 2013

Jesús Gomar (Wild Wolf Cidade de Lugo) logrou hoxe o título de campión de España de Tríatlon na distancia olímpica en Los Alcázares (Murcia), mentres que o tamén galego Antón Ruanova (Arcade Inforhouse) foi prata. Na categoría feminina, Marta Jiménez (Wild Wolf Cidade de Lugo) logrou a medalla de bronce, mentres que Aída Valiño tivo que retirarse da proba por culpa dunha picada na roda da bicicleta.

 

O campionato de España comezou coa disputa da proba feminina na que Galicia partía con varias opcións para loitar polo triunfo. Aída Valiño, que tivera que abandonar o Campionato de España de Media Distancia cando ía na primeira posición por culpa dunha escordadura de nocello, chegaba aos Alcázares con ganas de triunfar. E dende o principio estivo situada nas primeiras posicións, pero sufriu unha picada na bicicleta e tivo que retirarse da proba. Así, esfumouse unha das opcións galegas, pero Marta Jiménez (Wild Wolf) fixo unha moi boa proba e logrou a medalla de bronce. Ainhoa Murúa acadou o título de campioa de España (2:05:49), mentres que Ricarda Lisk (que no contaba para o campionato) foi segunda. A prata foi para Carolina Routier, mentres que Fani Domínguez (Wild Wolf Cidade de Lugo) foi oitava e Camila Alonso, décima. Na clasificación de clubs, o Wild Wolf Cidade de Lugo proclamouse campión de España.

 

Na categoría masculina os galegos lograron uns resultados excepcionais. Dende a natación Jesús Gomar (Wild Wolf) e Antón Ruanova (Arcade Inforhouse) estiveron colocados entre os primeiros clasificados, para chegar ao último segmento da carreira a pe nun grupo de tres xunto a David Castro. Iniciaron este último tramo xuntos, pero Gomar amosou unha gran superioridade e deixou atrás ao seus compañeiros de escapada con gran facilidade mediada a carreira e despois so tivo que xogar coa vantaxe acadada. Así, Jesús Gomar, que fixo uns últimos metros camiñando e saudando ao público, chegou a meta cun tempo de 1:50:46, mentres que segundo foi o tamén galego Antón Ruanova (Arcade) a 27 segundos. O bronce foi para David Castro, a 39, mentres que Pablo Dapena (Wild Wolf) foi 15º. Na clasificación de clubs masculinos, o Wild Wolf foi bronce e o Arcade Inforhouse, cuarto.

 

As distancias neste campionato son de 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe, e o pasado ano este torneo celebrouse na cidade de Pontevedra.

Quizáis che interese…