José Manuel Pardo Leis e Cristina Santiago proclamáronse hoxe na Coruña campións galegos de tríatlon de media distancia. A proba foi gañada por Óscar Vicente (que non compite este ano con licenza galega) e Beatriz Tenreiro (asturiana).
Na categoría masculina o vencedor da proba foi Óscar Vicente cun tempo de 4:03:24, pero o galego actualmente pertence ao Mallorcatrainning Triathlon Team e ten licenza balear. Na segunda posición chegou José Manuel Pardo Leis (a dous minutos e 24 segundos) e proclamouse campión galego de Media Distancia. O podio galego completouse con Cristóbal Dios (prata) e José Ángel Penas (bronce).
Na categoría feminina, o triunfo foi para a asturiana Beatriz Tenreiro (4:52:20), que foi moi superior ás súas rivais. Pola súa parte, Cristina Santiago logrou o título de campioa galega, ante a ausencia de última hora de Aída Valiño (que a pesar de estar inscrita non participou). No campionato individual houbo una inscrición de case trescentos deportistas e ademais houbo dúas probas de relevos (con dous e tres compoñentes). En relevos de tres compoñentes o gañador foi o CAR Brión (Alberto Álvarez Bendaña, Jacobo Crego Fernández e Manuel Abuin Ares), mentres que en dous compoñentes o vencedor foi o Tribeteam, con Julián José de la Fuente Hernández e Vicente Gómez Muñoz).
As distancias da proba foron 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de bicicleta (sen drafting) e 21,1 de carreira a pe. Unha das principais características da proba foi que descorreu por un circuíto urbano, algo pouco habitual nestas distancias.
http://www.championchipnorte.com/resultados-externos/