NAN OLIVERAS, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRÍATLON NA DISTANCIA SPRINT

24 de Maio de 2014

Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou proclamarse hoxe en Altafulla (Tarragona) campión de España de Tríatlon na distancia Sprint, tanto na categoría sub 23 coma sénior. Ademais, hai que destacar en cadetes o título de Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), así coma a medalla de prata de Andrés Cendán (Dexter Compostela) e o bronce de Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), mentres que en júnior Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou a segunda posición no podio. Unha xornada máis as e os deportistas galegos renderon a un altísimo nivel e tamén hai que destacar o traballo dos adestradores da Federación Galega de Tríatlon Jonathan Cancela, Omar González e Luis Piña.

CADETEO campionato comezou coa proba cadete, na que Galicia presentaba a moitos deportistas con opcións de loitar polo podio. E así foi. Na categoría cadete, a pontevedresa Carmen Gómez logrou o título con certa comodidade. Logrou escaparse na natación e xa fixo os outros dos segmentos en solitario e controlando as distancias coas súas perseguidoras. A prata foi para Cecilia Santamaría e o bronce para a tamén galega Inés Santiago.

Na carreira masculina, cunha enorme participación (180 deportistas), Andrés Cendán partía coma un dos favoritos e sempre estivo entre os máis destacados. Pero Alberto González logrou escaparse na natación e xa non puido alcanzalo e tivo que “conformarse” con esa medalla de prata. As distancias son de 750 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe.

En elite masculina, novo éxito para o tríatlon galego. Da auga saíu un grupo de tres deportistas, entre os que se atopaban Pablo Dapena e Ricardo Hernández, mentres que Nan Oliveras formaba parte dun segundo grupo a poucos segundos. Na bicicleta, xuntáronse e formouse un pelotón en cabeza formado por uns 20 corredores. Nan atacou cando comezou a carreira a pe e fixo este último segmento so, ata alcanzar a liña de meta (56:14). Campión de España sénior e sub 23.

Ao chegar houbo un momento de enorme confusión, xa que os xuíces penalizaron cun “penalty box” a un grupo de 17 triatletas. No caso de Nan, a notificación estaba moi mal feita e case imposible de ver polo deportista, polo que despois de presentar a fotografía onde se apreciaba a incorrecta colocación do dorsal de Nan no panel, os xuíces rectificaron e non foi necesario presentar a reclamación. Ademais, hai que destacar a quinta posición de Ricardo Hernández, que acudía ao campionato con problemas físicos que non lle estaban permitindo facer carreira a pe. O deportista fixo un traballo excepcional e chegou a meta nunha moi boa quinta posición e logrou o bronce na categoría sub 23.

Na categoría júnior, Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) avanzou un paso máis con respecto ao pasado ano, no que foi bronce. Este ano, o vigués logrou a medalla de prata por detrás de Aleix Domenech. Na categoría feminina, Diana Cotón (Arcade) quedou ao borde do podio coa cuarta posición, mentres que Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) foi novena.

Campionato de España de Acuatlón. O domingo será o momento do Acuatlón, no que participarán moitos dos deportistas que competiron hoxe no Campionato de España de Tríatlon da distancia Sprint. A proba cadete (09:00) comezará as nove da mañá e cunha importante inscrición (en masculina, 135 e na feminina, 71). As distancias son de 1,5 de carreira a pe, 500 metros de natación e 1,5 de carreira a pe). Galicia presenta serias opcións aos primeiros postos.

Ás 09:25 comezará a proba júnior masculina e cinco minutos despois sairán as chicas, e tamén nesta proba teremos posibilidades de podio. E a continuación, a proba de elite feminina (11:10), a masculina (12:10) e paralímpica (13:10).

 

Quizáis che interese…