Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe campións galegos de tríatlon, no XVII Tríatlon Cidade de Pontevedra, que este ano reuniu a máis de 440 deportistas entre todas as probas disputadas.
Na proba feminina, Joselyn Brea acadou o triunfo, despois de facer un magnífico último segmento de carreira a pe. Na natación comezou mandando a júnior Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) con Melina Alonso na segunda posición moi preto. E no ciclismo foi Melina a que logrou distanciarse sobre un grupo de catro triatletas (Iria Rodríguez, Joselyn Brea, Camila Alonso e Moira Candela), para chegar á segunda transición na primeira posición en solitario. Pero na carreira a pe, Joselyn foi a máis rápida o que lle permitiu superar a Melina para lograr unha cómoda vitoria, cun tempo final de 1:03:25. A segunda posición foi para Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 1:04:19, mentres que o bronce foi para a súa irmá Camila Alonso (Tríatlon Ferrol). As tres formaron o podio do Campionato Galego e do Cidade de Pontevedra.
Na proba masculina, que se celebrou a continuación, os principais favoritos moi pronto deixaron clara a súa intención de vencer e dende o inicio estiveron nos primeiros postos. Así, os internacionais Antonio Serrat, Luismi Velásquez e Uxío Abuín formaron un trío de cabeza na bicicleta, tras facer unha natación moi boa. Desta forma os tres chegaron xuntos e destacados á segunda transición.
Na carreira a pe, o vigués fixo un gran parcial para lograr o título de campión galego cun tempo de 54:37, por diante de Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) que marcou un tempo de 55:10. Finalmente a terceira posición no Tríatlon Cidade de Pontevedra foi para Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial), que logrou o mellor parcial deste sector, o que lle permitiu superar a Luismi e incluso apurar a Uxío. Iso si, no Campionato Galego o bronce foi para Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) cun tempo final de 56:23.
Os vencedores do Galego noutras categorías foron:
- Cadete: Henar Diana Cons (Motobike Galaico Pontevedra) e Víctor Bouzón (Olímpico de Vedra)
- Júnior: Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) e Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol)
- Sub 23: Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo)
- Veterán 1: Aída García (Olímpico de Vedra) e Juan Francisco Fernández Moldes (Club Ciclismo Tríatlon Poio)
- Veterán 2: Belén Lemat (Cidade de Lugo) e Andrés López (Tríatlon Vilagarcía)
- Clubs: Cidade de Lugo Fluvial (feminino) e Tri-Penta Terras de Lugo (masculino)
O Galego disputouse sobre a distancia sprint e a saída, transición e meta estarán instaladas na Avenida de Bos Aires (preto da Ponte dos Tirantes). Para poder participar nesta proba as e os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada.
A programación da xornada incluía un Nada e Corre para as categorías benxamín e alevín (non competitivo), unha proba minisprint e unha popular sobre a distancia sprint, así como unha proba de paratriatlon, como gran novidade. Nesta proba competiu Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) na categoría de deportistas con discapacidade visual xunto a súa guía Mabel Gallardo. Esta proba foi, tanto para Susana coma para o resto de paratriatletas presentes, un importante test cara ao Mundial, que se celebrará en 20 días.