CASE 450 PARTICIPANTES NO TRÍATLON CIDADE DE PONTEVEDRA, QUE SE CELEBRA O SÁBADO 26 DE AGOSTO

24 de Agosto de 2017

Pontevedra acolle este sábado 26 de agosto o XVII Tríatlon Cidade de Pontevedra, que é ademais Campionato Galego de Tríatlon 2017. Este evento reúne varias probas e este ano incorpora, por vez primeira, un paratríatlon. Desta forma, será unha festa de tríatlon con máis de  440 deportistas estarán facendo deporte ese día na capital do Lérez.

O programa comezará ás 14:50 horas coa celebración do Nada e Corre para as categorías benxamín e alevín (non competitivo), no que os 36 pequenos inscritos terán que facer 100 metros de natación e 500 de carreira a pe. Tamén haberá dúas probas popular: Ás 15:00 horas comezará a proba minisprint (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe) con 69 participantes e posteriormente (16:00 horas) a popular sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe) con 199 triatletas na inscrición.

A gran novidade desta edición é a inclusión dunha proba de paratriatlon, que comezarás ás 17:00 horas e que contará coa participación da viguesa Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) ou da vasca Rakel Mateo.

O Campionato Galego feminino (18:15 horas) contará cunha gran  participación e con deportistas moi destacadas coma Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), que estaba convocada para a Serie Mundial de Estocolmo, pero que decidiu renunciar para continuar centrada na preparación do mundial da categoría sub 23. A galega xa está moi recuperada da lesión no ombreiro que sufriu na Copa do Mundo de Cagliari a comezos de xuño.

Será unha carreira dura e disputada, xa que ademais de Camila están inscritas triatletas coma Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Inés Castaño (Arcade Inforhouse), Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), Marta Barbeito (Náutico de Narón) ou María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial), entre outras deportistas destacadas. En total 57 triatletas inscritas na proba feminina.

A proba masculina, con 76 participantes, comezará ás 19:15 horas e propón unha carreira de moitos quilates, con varios triatletas internacionais na lista de saída. Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), que arrastra algunhas molestias polo que tamén renunciou á acudir a Estocolmo, defende o título galego (venceu en 2016 e 2015).  Sobre o papel terá como principais rivais para gañar o Cidade de Pontevedra a Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) ou ao mexicano César Saracho (Cidade de Lugo Fluvial). Outros nomes destacados son Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Diego Paz (Arcade Inforhouse), Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), Martín Carrera (Natación Riveira) ou Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) entre outros.

O Galego disputarase sobre a distancia sprint e a saída, transición e meta estarán instaladas na Avenida de Bos Aires (preto da Ponte dos Tirantes). Para poder participar nesta proba as e os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada.

2016. Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse o pasado ano campións galegos de Tríatlon, tamén no Tríatlon Cidade de Pontevedra, que reuniu a case 400 deportistas.

 

 

Quizáis che interese…