LARA LOIS E DARÍO MANUEL OTERO, CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON CROSS

5 de Febreiro de 2017

Lara Lois (GV Sports Club) e Darío Manuel Otero Pampín (Tríatlon O Treito) proclamáronse hoxe campións galegos de  Dúatlon Cross, no XI Dúatlon Cross Concello de Poio.

Na categoría feminina Lara Lois logrou o triunfo nunha proba que dominou de principio a fin. No primeiro segmento de carreira a pe, Lara xa logrou unha vantaxe superior aos 4 minutos, distancia que aumentou no sector da bicicleta de montaña e terminou de concretar no terceiro segmento. Así o triunfo na proba e no Galego foi para Lara Lois cun tempo de 01:50:20. A segunda posición na proba foi para Lucía Vázquez (02:00:00), mentres que terceira foi Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 02:26:48.

O podio do campionato galego quedou formado da seguinte maneira: Lara Lois logrou o título de campioa galega, mentres que segunda foi Belen Lemat e terceira María Martínez (Club Ciclismo-Tríatlon Poio), cun tempo de 02:30:27.

Na proba masculina, Darío Manuel Otero Pampín (Tríatlon O Treito) revalidou o título acadado o pasado ano. O primeiro segmento de carreira foi dominado por Juan Sebastián Díaz (Club Ciclismo-Tríatlon Poio), que chegou á transición con 30 segundos da vantaxe sobre Darío Manuel Otero. Pero na bicicleta de montaña, Otero Pampín foi o mellor e logrou poñerse líder con case dous minutos de diferenza sobre David Pérez (Team Corbelo). Mentres, por detrás David Landeira (Asociación Deportiva Media Ducia) viña remontando e, ao acadar o mellor parcial no terceiro segmento, foi quen de lograr o terceiro posto no podio. Por diante, Otero Pampín e David Pérez confirmaron os seus postos

Desta forma o podio tanto do Campionato Galego coma do Dúatlon Cross Concello de Poio quedou formado por: Darío Manuel Otero Pampín (01:30:51) na primeira posición; David Pérez Mayán foi segundo (01:32:47) e David Landeira ocupou a terceira posición cun tempo de 01:36:00.

Os resultados noutras categorías foron:

  • Veterán: Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Alejandro González (Trinorth-Nogasa)
  • Clubs: Team Corbelo (masculino)

 

Os participantes tiveron que correr 6 quilómetros, facer 19,5 quilómetros en bicicleta de montaña e remataron con 3 quilómetros a pe. A saída, meta e transicións estaban situadas no campo de fútbol de Samieira e os circuítos descorreron por pistas forestais e sendeiros bastante técnicos e complicados polas duras condicións meteorolóxicas dos últimos días.

CAMPIONATO GALEGO DUATLON CROS

XI DUATLON CROS CONCELLO DE POIO

 

Quizáis che interese…