O 5 DE FEBREIRO CELEBRARASE EN SAMIEIRA O GALEGO DE DÚATLON CROSS CON PREOCUPACIÓN POLAS CONDICIÓNS METEOROLÓXICAS

2 de Febreiro de 2017

O domingo 5 de febreiro (11:00 horas) celebrarase en Samieira o XI Dúatlon Cross de Samieira-Concello de Poio, que é ademais o Campionato Galego de Dúatlon Cross, coa participación duns 70 deportistas.

Hoxe celebrouse en Poio a presentación da proba coa participación da concelleira de Deportes de Poio, Margarita Caldas; o xefe do Servizo de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides; o presidente do club Ciclismo-Tríatlon Poio, Alfonso Goldar; o responsable de Tecnificación da Federación Galega de Tríatlon, Jonathan Cancela, e a deportista do club local, María José Martínez, ademais doutros deportistas locais.

A principal preocupación nestes intres é a meteoroloxía, xa que pode complicar o desenvolvemento da proba, aínda que para o domingo se espera unha melloría. Entre os favoritos para facerse co triunfo podemos destacar aos tres primeiros clasificados do Circuíto (que finalizou a pasada semana): Darío Manuel Otero (Tríatlon O Treito), David Calzas (Tríatlon Costa da Morte) e David Méndez (Team Corbelo).

Na categoría feminina hai pouca participación e a local María José Martínez (Club Ciclismo-Tríatlon Poio) quere acadar o triunfo en casa.  Lara Lois (GV Sports Club), vencedora de dúas probas do circuíto, é unha das favoritas xunto a Martínez, que gañou na terceira proba do circuíto, disputada en Candeán.

Os participantes terán que correr 6 quilómetros, facer 19,5 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pe. A saída, meta e transicións estarán situadas no campo de fútbol de Samieira e os circuítos descorrerán por pistas forestais e sendeiros bastante técnicos.

Campións 2016. O pasado ano proclamáronse campións galegos de Dúatlon Cross Verónica Montes (Trinity Tríatlon) e Darío Manuel Otero (Tríatlon o Treito) na proba disputada en Maside.

Quizáis che interese…

Oleiros é Tríatlon

Oleiros é Tríatlon

[Actualizado 13:00 01 de Junio de 2021] Xa temos os gañadores e as clasificacións do Tríatlon de...