LUCAS ESCANEO E SILVIA VEIRA, GAÑADORES DO TRÍATLON POPULAR VILA DE ALLARIZ

17 de Agosto de 2013

 Lucas Escaneo (Tríaitlon Morrazo) e Silvia Veira (Arcade Inforhouse) proclamáronse hoxe gañadores do XXIV Tríatlon Vila de Allariz, que se celebrou hoxe coa participación de 150 deportistas. Coma todos os anos está proba contou cun gran seguimento por parte dun numeroso público que animou aos participantes ao longo de todo o percorrido.

Na proba masculina Lucas Escaneo partía coma un dos favoritos e cumpriu os prognósticos ao chegar no primeiro lugar á meta cun tempo de 1:14:04. A segunda posición foi para Miguel Ángel Varela (BikeEstrada Tríatlon) a máis de 50 segundos (1:14:59), mentres que terceiro foi José Luis Dorado (Mar de Vigo) cun tempo de 1:16:13.

Tampouco houbo sorpresas na categoría feminina ao proclamarse vencedora Silvia Veira (Arcade Inforhouse) cun tempo de 1:25:34. Silvia foi moi superior e chegou con máis de tres minutos de distancia sobre a segunda clasificada, Almudena Vázquez (Mar de Vigo, 1:28:42). O terceiro posto foi para Mar Villar (Tríatlon Morrazo) cun tempo de 1:28:50. Na categoría de clubs, triunfos para Motobike Pontevedra (categoría feminina) e Tríatlon Morrazo (masculina).

A proba disputouse sobre as distancias de 750 metros de natación, 24 quilómetros de bicicleta e 5.500 metros de carreira a pe. A recollida de dorsais, saída e meta tivo lugar na Alameda de Allariz e a proba disputouse nunhas paraxes espectacularmente belas.

O Tríatlon Vila de Allariz é unha proba popular cunha enorme aceptación e ao longo dos diferentes anos participaron os máis importantes deportistas galegos internacionais, coma Javi Gómez Noya, Saleta Castro, Aída Valiño ou Jesús Gomar. Este ano celebrouse a XXIV edición da proba e a organización está estudando a posibilidade de facer en 2014 unha proba relevante a nivel estatal para celebrar as vodas de prata do Vila de Allariz. Aínda queda un ano por diante, pero xa se están buscando alternativas adaptadas as condicións do entorno.

Quizáis che interese…