O programa “Nada e Corre” do 2016 celebra este domingo 31 de xaneiro a segunda proba en Viveiro coa participación de máis de 140 deportistas de categorías menores. Este ano o programa ten as novidades da incorporación da categoría prebenxamín e do paratríatlon (deportistas con discapacidade).
O Nada e Corre de Viveiro comezará as 10:00 horas do domingo 31 de xaneiro coa celebración da proba de natación na piscina de Viveiro. Hai inscritos 7 prebenxamíns, 37 benxamíns, 32 alevíns, 35 infantís e 30 cadetes (masculinos e femininos).
Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, ten como obxecto traballar en inverno a natación e a carreira. O programa “Nada e Corre”, que se desenvolve no primeiro trimestre do ano, está formado por catro probas clasificatorias zonais e unha final. Na final, que aínda non ten data nin lugar asignado, estarán os catro mellores de cada proba clasificatoria por categoría e sexo.
As distancias a realizar dependerán das categorías:
- Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
- Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
- Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
- Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe.
- Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.