Baiona acollerá o próximo sábado 12 de setembro o I Vertiatlón Solidario, un evento organizado polo Monte Real Club de Yates e o Concello de Baiona co patrocinio de Verti Seguros e a colaboración da Federación Galega de Tríatlon, e no que participarán máis de douscentos deportistas.
A competición deportiva, na distancia sprint, comezará ás cinco da tarde. As e os participantes das diferentes categorías, (cadete, júnior, absoluto e veterano), tanto femininas coma masculinas, deberán completar 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros correndo.
O diñeiro recadado coas máis de 200 inscricións dos participantes destinarase integramente á Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates, que presta servizo a asociacións de persoas minusválidas de Galicia.
Tras uns primeiros anos traballando con agrupacións do Val Miñor, Tomiño e A Guarda, na actualidade a escola busca financiamento co obxectivo de poder expandirse para ofrecer estes cursos de navegación adaptada a centros de toda Galicia.
Presentación. “Un percorrido espectacular nun marco incomparable”. Así definiu o trazado do I Vertiatlón Solidario o presidente da Federación Galega de Triatlón, Oscar José Surís, quen este sábado estará a participar como un máis na competición.
Para o responsable da FEGATRI existen poucos triatlóns en España que poidan presumir dun escenario como o de Baiona, unha idea na que tamén insistiu, a paratriatleta viguesa e madriña do Vertiatlón Susana Rodríguez. Este sábado nadará e correrá xunto aos máis de 200 deportistas que van participar no Vertiatlón.
Na presentación aos medios celebrada o mércores nas instalacións do Monte Real Club de Yates, o vicepresidente do club baionés,Alejandro Retolaza, destacou o patrocinio de Verti Seguros, sen o cal -dixo- este evento non podería chegar a celebrarse. Agradeceu tamén o apoio de numerosas empresas e firmas que van colaborar de forma desinteresada no evento e de todos os voluntarios que axudarán o sábado coa organización.
O vicepresidente do Monte Real mostrouse moi satisfeito polo impulso que o Vertiatlón supoñerá para a Escola de Vela Adaptada do Club, que aspira -dixo- a seguir crecendo para lograr que moitas máis persoas poidan practicar vela en igualdade de condicións