Máis de 200 deportistas participarán este sábado no I Vertiatlón Solidario de Baiona

10 de Setembro de 2015

Baiona acollerá o próximo sábado 12 de setembro o I Vertiatlón Solidario, un evento organizado polo Monte Real Club de Yates e o Concello de Baiona co patrocinio de Verti Seguros e a colaboración da Federación Galega de Tríatlon, e no que participarán máis de douscentos deportistas.

A competición deportiva, na distancia sprint, comezará ás cinco da tarde. As e os participantes das diferentes categorías, (cadete, júnior, absoluto e veterano), tanto femininas coma masculinas, deberán completar 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros correndo.

O diñeiro recadado coas máis de 200 inscricións dos participantes destinarase integramente á Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates, que presta servizo a asociacións de persoas minusválidas de Galicia.
Tras uns primeiros anos traballando con agrupacións do Val Miñor, Tomiño e A Guarda, na actualidade a escola busca financiamento co obxectivo de poder expandirse para ofrecer estes cursos de navegación adaptada a centros de toda Galicia.

Presentación. “Un percorrido espectacular nun marco incomparable”. Así definiu o trazado do I Vertiatlón Solidario o presidente da Federación Galega de Triatlón, Oscar José Surís, quen este sábado estará a participar como un máis na competición.

Para o responsable da FEGATRI existen poucos triatlóns en España que poidan presumir dun escenario como o de Baiona, unha idea na que tamén insistiu, a paratriatleta viguesa e madriña do Vertiatlón Susana Rodríguez. Este sábado nadará e correrá xunto aos máis de 200 deportistas que van participar no Vertiatlón.

Na presentación aos medios celebrada o mércores nas instalacións do Monte Real Club de Yates, o vicepresidente do club baionés,Alejandro Retolaza, destacou o patrocinio de Verti Seguros, sen o cal -dixo- este evento non podería chegar a celebrarse. Agradeceu tamén o apoio de numerosas empresas e firmas que van colaborar de forma desinteresada no evento e de todos os voluntarios que axudarán o sábado coa organización.

O vicepresidente do Monte Real mostrouse moi satisfeito polo impulso que o Vertiatlón supoñerá para a Escola de Vela Adaptada do Club, que aspira -dixo- a seguir crecendo para lograr que moitas máis persoas poidan practicar vela en igualdade de condicións

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.