Máis de dúas mil persoas participaron nas marchas ciclistas celebradas en seis cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Noia, Pontevedra, Riveira e Vigo) con motivo da campaña de sensibilización “Non máis ciclistas mortos nas estradas”, promovida pola Federación Galega de Tríatlon. Esta actividade tiña como obxectivo prioritario concienciar ás e aos condutores sobre o perigo que sofren os ciclistas nas estradas para que respecten as distancias de seguridade.
A pesar de que o tempo, moi inestable, non acompañaba, houbo unha importante participación. As cidades nas que se reuniron máis persoas foron as de A Coruña e Riveira, con máis de 500 participantes en cada unha delas, mentres que en Ferrol contaron coa presenza de máis de 300 persoas, e Pontevedra e Vigo contaron con máis de cen persoas. O máis significativo foi a representación de toda a sociedade nestes actos, xa que houbo desde bebes nunha silla na bicicleta dos seus pais, a nenos pequenos coas súas propias bicicletas, ou persoas maiores, que quixeron reivindicar o seu dereito a ir en bicicleta con seguridade.
Nas concentracións repartíronse camisetas e pegatinas co slogan da campaña (1,5 de distancia co ciclista), que as/os ciclistas (todos/as con casco) luciron con orgullo. E tamén procedeuse á lectura do comunicado da Federación Galega, no que se explica o obxectivo da iniciativa.
Esta campaña, promovida pola Federación Galega de Tríatlon comezou de forma simultánea en varias cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Riveira, Noia, Vigo e Pontevedra) pero continuará no tempo. Este é so o inicio. A FEGATRI xa anunciou que entregará camisetas co slogan da campaña en todas as probas do calendario oficial da federación.