Máis de setecentos deportistas participarán esta fin de semana (26 e 27 de setembro) na terceira edición do Desafío Pastor Illas Cíes, unha proba singular que este ano terá como padriño, o pentacampión do mundo, Javier Gómez Noya. Ademais, nesta edición a programación aumenta e incluirá o Campionato Galego de Acuatlón para menores e adultos e o Desafío será o Campionato Galego de Media Distancia 2015.
Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento no que estiveron presentes, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís; os concelleiros de Deportes de Vigo e Nigrán; o o organizador Ricardo Martínez e representantes dos diferentes patrocinadores.
O programa de probas comezará o sábado 26 de setembro coa disputa do I Acuatlón Desafío Pastor Illas Cíes para menores, no que están inscritos un total de 144 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. As distancias serán diferentes dependendo da categoría: Para benxamín e alevín os deportistas terán que facer 500 metros de carreira, 200 de natación e 500 de carreira, mentres que os infantís farán 1.000 – 400 – 1.000 e as distancias para os cadetes serán de 1.500 – 500 -1.500.
O domingo será a quenda dos maiores. Ás 08:30 horas darase a saída a os participantes masculinos do III Desafío -Campìonato Galego de Media Distancia- e cinco minutos despois sairán as chicas. As distancias da proba son 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de bicicleta e 21,1 de carreira a pe, nun entorno privilexiado.
Posteriormente (09:45 horas) darase a saída ao Campionato Galego de Acuatlón absoluto. Na categoría feminina podemos destacar á Marta Barbeito (A.D. Fogar), Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) ou Lorena García (Mar de Vigo) e na feminina a Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial), Andrés Cendán (Talleres David), Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo) e por suposto a Javier Gómez Noya (Cidade de Lugo Fluvial), que figura na lista de inscritos.
A inscrición do III Desafío Illas Cíes/Campionato Galego de Media Distancia pechouse con case cincocentos inscritos e a confirmación de que as previsións meteorolóxicas son boas para a disputa da proba. Entre as inscritas podemos destacar a presenza de Camila Alonso (recén chegada de Chicago de participar no Campionato do Mundo de Tríatlon sub 23), María Ortega (triatleta internacional que adestra no grupo de Alto Rendemento do CGTD) ou Mar Villar (recente gañadora do Vertiatlón de Baiona), ademais da paratriatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio (tamén madriña do evento deportivo).
Na categoría masculina estarán os gañadores das dúas edicións anteriores: Ricardo Rey (2014) e José Luis Pardo Leis (2013), xunto a homes coma Cristóbal Dios ou Luis Paredes.
Gañadores edicións anteriores. Silvia Deira e Ricardo Rey proclamáronse campións da segunda edición do Desafío Illas Cíes, no que participaron catrocentos deportistas a pesar da chuvia. No 2013, Aída Valiño e José Manuel Pardo Leis lograron o triunfo.