MARCOS MAYO E VERÓNICA MONTES, GAÑADORES DO CIRCUÍTO GALEGO DE DUATLÓN CROSS 2014

24 de Febreiro de 2014

Marcos Mayo (Monte Abaixo) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon) son os gañadores do circuíto galego de duatlón cross 2014, que estaba formado por cinco probas.

O Circuíto Galego de Duatlón Cross comezou o 12 de xaneiro coa celebración da proba de Ribadumia e finalizou o 16 de febreiro en Samieira (Poio). En medio, disputáronse os duatlón cross de Beariz, Maside e Candeán. Para a realización da clasificación xeral do circuíto se suman os tres mellores resultados, polo que prima a participación e a regularidade. Desta forma, Gustavo Rodríguez que só participou en dúas probas, a pesar de lograr dous triunfos, quedou sen opcións porque na terceira proba sumou 300 puntos (por non participar), que o mandaron a un discreto posto (60). As puntuacións coinciden coa posición que acaden na proba e no caso de non presentarse suman 300 puntos.

Así, este ano, o gañador da proba masculina foi Marcos Mayo que foi, sen dúbida algunha, o máis regular, ademais de que participou nas cinco probas do circuíto. Proclamouse gañador cun primeiro posto (Samieira) e dous segundos postos, o que sumou un total de 5 puntos. Na segunda posición, situouse Darío Manuel Otero Pampín (Team Corbelo) con 8 puntos (con dous segundos postos e un terceiro), mentres que terceiro foi Miguel Ángel Arias (Team Corbelo) con nove puntos (tres terceiros postos).

Na categoría feminina, o título foi para Verónica Montes (Trinity Tríatlon) con dous primeiros postos (Ribadumia e Maside) e un segundo (Beariz). Lorena García (Mar de Vigo) foi a subcampioa do circuíto con seis puntos (un primeiro posto, un segundo e un terceiro). O bronce do circuíto foi para Silvia García (Mar de Vigo) con 8 puntos.

Na categoría de clubs os gañadores son Mar de Vigo (feminina) e Team Corbelo (masculina). En júnior masculino o vencedor foi Óscar Justo Villanueva (Galaico Cidade de Pontevedra) e en veteranos o primeiro posto foi para Belen Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Miguel Ángel Arias (Team Corbelo) nas categorías feminina e masculina, respectivamente.

Clasificacións Cricuíto Galego Duatlon Cross 2014

Quizáis che interese…