Tres deportes nun? Moito máis no curso de adestradores

26 de Febreiro de 2014

Vilalba e Pontevedra deron paso esta fin de semana a Narón e Vigo na celebración de clasificatorios para a final do Nada e Corre 2014 en Riveira, unha competición froito da petición dos adestradores das escolas dos clubs galegos. “É bo para a motivación dos rapaces, para que se enfronten aos nervios e así coller hábito de competición de cara aos dúatlons escolares”, valora Lorena García, técnica da FEGATRI e responsable do tema das escolas de tríatlon no curso de adestrador Nivel 1 impartido nas últimas semanas pola Federación.

Ao curso acudiron un total de 17 alumnos interesados na xestión dunha escola, pola súa relación con clubs, ou tamén triatletas autodidactas, o grupo maioritario este ano e que busca mellorar a súa faceta de deportista converténdose en adestradores.

Nas distintas xornadas de formacións, as clases dividíronse en Natación, impartida por Luis Piña, Ciclismo, a cargo de Omar González, Carreira, por Jonathan Cancela, Organización de grupos de base (Escolas), realizada por Lorena García, Seguridade e Hixiene, por Alba Cuba, Regulamentos, con Mónica Flores, Desenvolvemento profesional co presidente da FEGATRI, Paco Villanueva, e Mecánica da Bicicleta e Materiais, a cargo de Ricardo Pérez. A maiores, Luis Piña, adestrador de Susana Rodríguez Gacio, ofreceu unha introdución ás distintas categorías do paratríatlon para coñecer a modalidade.

Pero, aínda que as materias se detallen por separado, sempre se tivo presente o tríatlon como conxunto. “O primeiro é deixar claro que un atleta de 5.000 metros non é o mesmo que un triatleta de 5.000 pola fatiga, os ritmos son un pouco inferiores aos adestramentos”, subliña Jonathan Cancela, adestrador do grupo de tecnificación do CGTD de Pontevedra. Como responsable dos canteiráns galegos, Jonathan Cancela non só incide na corrección da posición do tronco ou da zancada senón que tamén valora a bagaxe dos triatletas: “non é mellor deportista quen teña estado máis anos no tríatlon, moitas veces é cuestión da riqueza motriz, ter practicado antes outros deportes dá un abano coordinativo que non ten o resto”.

Con esa concepción do tríatlon como deporte único e non como tres independentes coincide Omar González, responsable do grupo de rendemento do CGTD. “O especial no ciclismo para un triatleta é a interferencia que, por unha banda, lle produce o segmento de natación e, pola outra, o que o ciclismo ten sobre a carreira a pé”, valora o adestrador. “Debemos estar moi seguros sobre a bici, podemos acadar grandes velocidades e circular en grandes grupos –relata Omar González-polo que a técnica sobre a bicicleta e tela en perfectas condicións é imprescindible”. No sector ciclista, unha das particularidades principais será o enfoque a probas con ou sen drafting. “Polo xeral, nas probas de curta distancia permítise ir a roda e son moito máis explosivas, con cambios de ritmo, arrancadas, etc. Na longa distancia, sen poder ir a roda, adéstrase máis volume e o ritmo é moito máis estable”, enumera o técnico da FEGATRI referíndose tanto aos adestramentos como á propia competición.

Debido ao carácter eminentemente práctico do curso, os aspirantes empregaron vídeos para analizar erros dende o punto de vista dun adestrador como, no caso da natación, a posición do corpo, a acción das pernas ou a coordinación. Máis especificamente no que se refire ao tríatlon, o primeiro que un adestrador debe coñecer é a diferenza entre nadar en piscina e facelo en augas abertas. “Fomos sacando entre todos esas diferenzas, dende o material coa posibilidade de usar neopreno até a orientación na auga que é complexa polas ondas, o sol cando dá de fronte, como estea marcado o circuíto… A partir de aí, enfocamos a técnica falando do crol ou estratexias de nadar rápido até a primeira boia porque hai pouca distancia, así evito golpes e consigo unha mellor posición, ou ensinar a respirar e orientarse á vez”, resume Luis Piña, director técnico da FEGATRI.

Unha vez repasadas as distintas disciplinas, entra en xogo a planificación dunha tempada. Inmersa na actividade dunha escola de tríatlon, Lorena García prima o traballo lúdico en benxamíns, alevíns e infantís mentres que cos cadetes se enfoca ao rendemento a nivel escolar e introducindo aos máis experimentados en tríatlons sprints. “A primeira parte da tempada, de outubro a decembro, ten unha actividade xeral con cada disciplina dun xeito máis lúdico, non hai que meter presión cedo. Despois de Reis, o traballo é máis específico: os que van participar nas Tomas de Tempos se centran en natación e carreira e en marzo facemos saídas de bici en estrada cos cadetes. A escola remata en maio pero os que continúan co club fan augas abertas nos meses de xullo e agosto”, enumera a adestradora viguesa.

Deste xeito, tras superar os exames do curso de adestrador Nivel 1, Galicia sumará novos técnicos que contribuirán a aumentar a cultura triatlética que xa existe. “Vendo o nivel que temos, en comparación con outras comunidades autónomas, é alto aínda que sempre mellorable”, asegura Luis Piña, director do curso, aspirando a seguir avanzando.

 

Quizáis che interese…