Marta Barbeito (A.D. Fogar) e César Ramiro Saracho (Tríatlon Arteixo) proclamáronse hoxe gañadores do V Tríatlon Concello de Arteixo, segunda proba do Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada e clasificatorio para o Campionato Galego 2015.
Marta Barbeito foi a máis regular da proba e niso cimentou a súa vitoria. Foi a primeira clasificada na natación, a segunda no ciclismo e a cuarta na carreira a pe, e así controlando a proba en todo momento logrou o triunfo. Sen embargo, Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol) fixo unha moi mala natación, que foi decisiva no resultado final. Así, a pesar da gran remontada e de ser a mellor nos outros dous segmentos, non puido alcanzar a Marta. Desta forma, a primeira posición foi para Marta Barbeito cun tempo de 01:20:29, mentres que segunda foi Priscila Suárez (01:20:53) e terceira, Salomé Calviño (A.D. Fogar) cun tempo de 01:22:38.
Na categoría masculina, César Saracho dominou a proba dende o inicio. Saíu da auga uns segundos por detrás do líder, o seu compañeiro de club Iván Rubio e así iniciaron a bicicleta. Pero o mexicano logrou poñerse por diante no ciclismo e xa non deixou esta posición de privilexio en momento algún. Así, chegou a meta primeiro cun tempo de (01:03:51), mentres que segundo foi Iván Rubio (01:06:27) e terceiro, Sergio García (Arcade Inforhouse) cun tempo de 01:06:45.
A competición comezou ás 15:30 horas coa saída da proba popular (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). O resto das probas disputouse sobre a distancia sprint (750-20-5) e en total participaron 200 triatletas.
As e os gañadores noutras categorías foron:
- Cadete: Salomé Calviño (A.D. Fogar) e Carlos González (A.D. Fogar).
- Júnior: Pedro Álvarez (A.D. Fogar).
- Sub 23: Diana Cotón (Arcade Inforhouse) e César Ramiro Saracho (Tríatlon Arteixo).
- Veterán 1: Patricia Sánchez López (NoSportLimit) e Iván Rubio (Tríatlon Arteixo).
- Veterán 2: José Manuel Otero (Muralla de Lugo).
- Veterán 3: Jorge García (San Roque-Tríatlon Viveiro)
- Clubs:D. Fogar (feminino) e Tríatlon Arteixo (masculino).