MARTÍN CARRERA E CAMILA ALONSO, GAÑADORES DO III TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO CON 330 PARTICIPANTES

7 de Xuño de 2015

Martín Carrera (Natación Ribeira) e Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamáronse vencedores do III Tríatlon Concello do Porriño, que une as localidades do Porriño e Tui, con máis de 330 deportistas inscritos.

 

Na categoría masculina, houbo unha dura pugna entre varios deportistas do Natación Ribeira, Carlos Brión, Martín Carrera e Mauro Paredes, que saíron xuntos da auga. Con eles tamén estaba Marcos Ruíz, pero perdeuse na área de transición e quedou descolgado ao segundo grupo. Así, este trío chegou en cabeza á T2, e tocaba decidirse todo na carreira a pe. Mauro Paredes tivo que retirarse con problemas musculares (xa o tiña previsto para non forzar) e Martín logrou marchar en solitario cara a liña de meta. Así, foi primeiro cun tempo de 1:00:37, mentres que segundo foi Francisco Cendán (Talleres David Compostela) a máis dun minuto (01:01:45) e terceira posición para Raúl García Agra (Arcade Inforhouse) cun tempo de 01:02:03.

 

podio fem porriNa proba feminina, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) acadou unha cómoda vitoria nunha proba que se decidiu nos últimos quilómetros de bicicleta. Da auga saían nos primeiros postos as que ao final loitaron polo triunfo (Iria Rodríguez, Rebeca Carnota e Camila), e a bicicleta foi definitiva. Camila atacou a falta de tres quilómetros para poñerse en cabeza e chegar con vantaxe á última transición. E na carreira a pe aumentou as diferenzas coas deportistas que viñan por detrás. Así, Camila logrou a primeira posición cun tempo de 1:11:18, a segunda posición foi para Rebeca Carnota, do AD Fogar (01:13:41) e o terceiro posto do podio foi para Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) cun tempo de 01:14:06.

 

Unha das características fundamentais desta proba é o feito de que une a dúas localidades. O Tríatlon Concello de Porriño comeza na localidade de Tui, coa celebración do segmento de natación (750 metros) no río Miño; o sector de bicicleta (20 quilómetros) realízase entre ambas localidades, e o segmento de carreira a pe (5 quilómetros) descorre polo casco urbano do Porriño.

 

Ano 2014. Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) e Diego Paz (Arcade Inforhouse) proclamáronse o pasado ano campións do II Tríatlon Concello do Porriño, que uniu as localidades do Porriño e Tui, con máis de trescentos participantes.

 

 

*Son resultados provisionais.

Quizáis che interese…