MELINA ALONSO E BRAIS CANOSA, CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON 2014

7 de Setembro de 2014

Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Brais Canosa (Arcade Inforhouse) proclamáronse hoxe en Lugo campións galegos de tríatlon e gañadores do XXVI Tríatlon do Miño. Ambos partían como favoritos xunto a un pequeno grupo de triatletas polo que non houbo grandes sorpresas na proba, que contou cunha participación de case 250 deportistas. Ademais hai que destacar o triunfo do Arcade, campión galego de clubs tanto na categoría feminina coma masculina.

Na proba feminina todo transcorreu segundo o previsto. Ante a ausencia de Aída Valiño, Melina Alonso partía coma gran favorita e amosouno dende o primeiro segmento. Foi a mellor na natación e na bicicleta e ademais cunha cómoda distancia, o cal lle permitiu tomarse a carreira a pe con máis tranquilidade polo que foi a segunda neste sector, por detrás de Josely Daniely Brea (Terras de Lugo). Precisamente a venezolana viña remontando posicións dende atrás e foi neste último segmento onde logrou dar alcance e Camila Alonso, que ía segunda, e adiantala. Así, triunfo para Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 1:05:58, segunda posición para Josely D. Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) con 1:10:43 e terceira, Camila Alonso (Tríatlon Ferol) a só 15 segundos da segunda (1:10:58).

Os homes ofreceron unha proba moi disputada e interesante ata o final, xa que non houbo un dominador claro. Así, logrou o triunfo e o título de campión galego, Brais Canosa (Arcade Inforhouse) que foi sen dúbida o máis regular. Estivo sempre nas primeiras posicións e con esa regularidade acadou o triunfo final.

Na carreira, moita igualdade. Distancias moi curtas entre os triatletas na natación e trala primeira transición formouse un grupo dianteiro duns dez deportistas de calidade (Brais Canosa, Uxío Abuín, Nan Oliveras, Gustavo Rodríguez ou Diego Paz, entre outros), que estivo mandando na carreira ata que, a falta dunha volta para o remate da bicicleta, Gustavo Rodríguez e Brais Canosa lograron escaparse e facer un oco importante. Chegaron á segunda transición cuns trinta segundos de vantaxe sobre o grupo e na carreira a pe, Brais non tivo problemas para deixar atrás a Gustavo, xa que é mellor nesta especialidade. Por detrás, un rapidísimo Nan Oliveras (que non puntúa para o galego) foi remontando e logrou incluso superar a Gustavo na carreira a pe, cun tempo de 58:17 e terceiro posto para Gustavo Rodríguez (58:31). Así, o podio do Campionato Galego está formado por: Brais Canosa (ouro), Gustavo Rodríguez (prata) e Uxío Abuín (bronce).

Noutras categorías, os vencedores foron:

ü  Cadete: Inés Castaño (Arcade Inforhouse) e Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol).

ü  Júnior: Xiana Rendo (Dexter Compostela) e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse).

ü  Sub 23: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo).

ü  Veteranos 1: Silvia Deira (Arcade Inforhouse) e Iván Rubio (Muralla de Lugo).

ü  Veteranos 2: Jaime Carrodeguas (Tríatlon Coruña).

ü  Paratríatlon: Susana Rodríguez (Cidade de Lugo).

ü  Clubs: Arcade Inforhouse (categorías masculina e feminina).

O Campionato Galego disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída, boxes e meta na área creativa Los Robles. Para poder participar nesta proba os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada.

Quizáis che interese…