MELINA ALONSO E CRISANTO GRAJALES, GAÑADORES DO XIV TRÍATLON CIDADE DE FERROL

9 de Agosto de 2014

Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Crisanto Grajales (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse hoxe gañadores do XIV Tríatlon Cidade de Ferrol, última proba clasificatoria para o Campionato Galego 2014. En todas as probas celebradas ao longo do día (popular, Nade e Corre e probas federadas) participaron preto de 400 deportistas.

 

Na proba feminina, había unha moi boa participación, con nomes destacados e entre elas estivo o triunfo. O club organizador da proba, o Tríatlon Ferrol, tiña importantes opcións nesta categoría e as súas deportistas renderon a un grande nivel. Así, Melina Alonso e Inés Santiago (ambas do Tríatlon Ferrol) foron en cabeza dende o mesmo inicio e elas chegaron destacadas ao último segmento, onde o triunfo inclinouse a favor de Melina con certa superioridade sobre a cadete Inés Santiago. Melina Alonso logrou a vitoria cun tempo de 1:02:27, mentres que segunda clasificada foi Inés Santiago (1:03:54) e terceira Joselyn Brea do Tri-Penta Terras de Lugo (1:05:36), que foi a máis rápida no último segmento, o que lle permitiu remontar varias posicións.

 

podio masculino ferrol - copiaE se foi competida a proba feminina, aínda máis a masculina, cun número importante de triatletas loitando polo triunfo. Un grupo de dez deportistas saíu destacado da auga, con distancias non moi importantes, e foi na bicicleta onde comezou a decidirse o nome dos protagonistas  que loitarían polo triunfo: Crisanto Grajales, Brais Canosa e Antón Ruanova aparecían en todas as quinielas e tamén na estrada nas primeiras posicións. Así, chegamos aos últimos 5 quilómetros de carreira a pe, nos que Crisanto Grajales (Cidade de Lugo Fluvial) confirmou o seu triunfo cun tempo de 54:56, mentres que segundo foi Brais Canosa (Arcade Inforhouse, 55:35) e terceiro Antón Ruanova (Arcade Inforhouse) cun tempo de 55:51. A carreira elite disputouse na modalidade de sprint, con 750 m de natación no Porto de Ferrol, a continuación 20 quilómetros do segmento de ciclismo  e 5 quilómetros de carreira a pe.

 

O resto dos gañadores nas diferentes categorías foron:

 

ü  Cadete: Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Carlos Brión (Natación Riveira).

ü  Júnior: Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse).

ü  Sub 23: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Ricardo Cárdenas (Muralla de Lugo).

ü  Veteranas/os 1: Silvia Deira (Arcade Inforhouse)  Iván Rubio (Muralla de Lugo).

ü  Veteranos 2: Carlos Villeta (C.T. Tomelloso).

ü  Clubs: A.D. Fogar (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino)

 

 

Resultados circuíto. Esta proba está incluída no Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada (quinta e última proba) e ademais é clasificatoria para o Campionato Galego 2014. No primeiro tríatlon do circuíto galego 2014, disputado en Riazor (A Coruña), os gañadores foron Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo). Na segunda proba, o IV Tríatlon Concello de Arteixo, Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo) e Adriana Barraza (Muralla de Lugo) proclamáronse vencedores, mentres que na terceira, celebrada en Pontevedra, gañaron Roberto Abraham Castellanos e Adriana Barraza (Muralla de Lugo). Por último, sinalar que Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse campións do IV Tríatlon Concello de Poio.

 

 

Quizáis che interese…