NOIA COMEZOU XA COA CAMPAÑA “NON MÁIS CICLISTAS MORTOS NAS ESTRADAS”

6 de Novembro de 2013

O día 10 de novembro celebrarase en diferentes cidades galegas a campaña de sensibilización “Non máis ciclistas mortos nas estradas”, promovida pola Federación Galega de Tríatlon. Esta actividade ten como obxectivo prioritario concienciar ás e aos condutores sobre o perigo que sofren os ciclistas nas estradas para que respecten as distancias de seguridade.
A Federación decidiu poñer en marcha esta iniciativa xa que “máis dunha morte por semana nas estradas é unha porcentaxe demasiado elevada e temos que facer todo o que estea nas nosas mans para que isto non siga acontecendo”, explicou o presidente da Federación Galega, Paco Villanueva.
IMG-20131105-WA0012O Concello de Noia, apoiando esta iniciativa da FEGATRI, vai realizar unha campaña durante toda a semana do 4 ao 10 de novembro, involucrando na mesma a todos os centros de ensino da nosa vila ademais de querer facer partícipes na iniciativa a tódolos clubs deportivos, asociacións e particulares que estean interesados en participar neste proxecto.
As actividades darán comezo o vindeiro martes 5 coa participación do Colexio Jaime Balmés no circuíto de educación vial que se instalará no pavillón que o CEIP ALEXANDRE RODRÍGUEZ CADARSO da Barquiña cede para garantir o éxito da actividade sen depender das condicións meteorolóxicas. A mesma mañá do martes 5, os alumnos da ESO dos colexios Mª Assumpta, IES Campo de San Alberto, IES Virxe do Mar e Jaime Balmés, están convocados para acudir as charlas que técnicos da DGT impartirán no salón de actos do Liceo de Noia.
Para o venres 8 (20:30 horas), na casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, está prevista unha charla aberta a todos os públicos, sobre OS DANOS PERSOAIS E COLATERAIS DOS ACCIDENTES DE TRÁFICO, na que os responsables de ASCIGA (Asociación de Ciclistas Galegos) nos porán ao día da triste e dura realidade do atropelos a ciclistas. Na charla participarán ciclistas profesionais coma Ezequiel Mosquera; Omar González (ex adestrador de Javier Gómez Noya) así coma outros deportistas de elite.

O ACTO CENTRAL DA CAMPAÑA TERÁ LUGAR O DOMINGO 10 cunha concentración cicloturística a partires das 11 da mañá na Alameda de Noia, onde contaremos cunha exposición dos medios que interveñen habitualmente nos accidentes de tráfico (Cruz Vermella, Bombeiros, Garda Civil, Policía Local ….) Ás 12:00 comezará unha marcha cicloturística polas estradas da vila e remataremos coa lectura dun manifesto na porta do Concello.

Para levar a cabo as actividades previstas, o Concello de Noia e a FEGATRI conta coa colaboración da DGT, Cruz Vermella, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, Colexio Alexandre Rodríguez Cadarso e Sociedade Liceo, entidades ás que lles gustaría transmitir o máis sincero agradecemento.

 

Quizáis che interese…