Comeza a tempada de duatlón cross coa celebración da primeira proba do circuíto galego. O sábado 16 de xaneiro (16:00 horas) terá lugar a oitava edición do Duatlón Cross Concello de Beariz, no que están inscritos case 70 deportistas.
A proba celebrarase sobre a distancia sprint, polo que as e os participantes deberán realizar 6 quilómetros de carreira a pe, 21 en bicicleta de montaña e rematarán con 2,5 quilómetros a pe. Por segundo ano consecutivo, o Duatlón Cross de Beariz forma parte do Gran Premio Aviamán Cross (que está formado polas probas de Beariz, o cross de Boborás, que se disputará ao día seguinte, e o duatlón cross de Maside).
En 2015, Beariz tivo como gañadores a Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e Ana Varela (licenza dun día). Marcos Mayo defenderá este posto de honra, pero Ana non está na lista de inscritos. Aínda é moi pronto para falar de favoritos, pero podemos destacar os nomes de Darío Manuel Otero (O Treito), Marcos Mayo (O Treito) ou Juan Sebastián Díaz (Tríatlon Poio), mentres que nas chicas están María Martínez (Atletismo Porriño) ou Ana Ramos (Atrogal-Tri 498).
O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por tres probas: Beariz, Samieira e Maside. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto.