O domingo 3 de abril celebrarase o I Dúatlon Cidade de Vigo, co que se pechará o Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada. Na proba de Vigo, que contará tamén cunha proba popular, hai máis de 200 deportistas inscritos.
A saída, transición e meta estarán instaladas na praia de Samil e as distancias son de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira. Cunha altísima participación haberá dúas saídas masculinas (10:30 horas – sen corte- e 12:00), mentres que a proba feminina comezará ás 12:10 horas. Na proba popular (09:30 horas) as distancias serán máis curtas (2,5 quilómetros de carreira a pe, 10 de bicicleta e 1,5 de carreira a pe)
Destaca a participación na categoría feminina, con grandes deportistas coma Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo), María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo), María Martínez (Atletismo Porriño) e a viguesa Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo). Na inscrición masculina aparecen Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo), Enrique Morán (Atletismo Porriño) ou Juan Sebastián Díaz (Tríatlon Poio), entre outros deportistas destacados.
O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2016 está formado por cinco probas: Guitiriz, Santiago, Riveira, Arteixo e Vigo. En xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon (18 prazas en cada proba do circuíto). Nicolás Domínguez (HPS Tríatlon) e Cristina Torres (Mar de Vigo) proclamáronse gañadores do X Dúatlon Concello de Guitiriz. Na segunda proba, disputada en Santiago, venceron Alberto Castiñeira e Inés Castaño, ambos do Arcade. Carla Castaño (Arcade Inforhouse) e Rubén Caamaño (Artrogal-Tri 498) proclamáronse vencedores do I Dúatlon Concello de Riveira Memorial Jesús e Vicente. En Arteixo, cuarta proba, os gañadores foron Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo).