O domingo 4 de xuño terá lugar en Baiona o III Tríatlon Atlántico Baiona – Campionato Galego de Tríatlon Standar sen Drafting 2017, coa participación de 450 deportistas.
O Campionato Galego dispútase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe) con saída dende a praia de A Barbeira. A meta e a área de transición están instaladas nas pistas polideportivas do Parque de Palma. A principal característica desta proba é que se disputarán sen drafting, é dicir, estará prohibido ir a roda doutro ciclista ou circular en pelotón.
A proba comezará ás 09:00 horas na praia de A Barbeira e entre os participantes hai importantes triatletas polo que se espera un magnífico espectáculo. Na categoría feminina non estará a vencedora do pasado ano, María Ortega, pero na lista de inscritas atópanse Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Sonia Pariente –actual campioa galega, ao ser segunda por detrás de Ortega, que non optaba ao título galego (Tríatlon Rías Baixas), Alba Caamaño (Olímpico de Vedra) ou Cristina Torres (Mar de Vigo), algunhas das máis destacadas na presente tempada.
Ademais, competirá a paratriatleta viguesa Susana Rodríguez (Mar de Vigo), xunto á madrileña Paula García Godino , que fará de guía por vez primeira con Susana.
Na categoría masculina, Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) defenderá o título de campión galego do pasado ano, aínda que terá complicados contrincantes coma Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo) ou Miguel Ángel Acosta (Cidade de Lugo Fluvial).
Ano 2016. Pablo Dapena e María Ortega proclamáronse en Baiona campións do II Tríatlon Atlántico Baiona, nunha proba espectacular con case 400 deportistas. No Campionato Galego de Tríatlon Curta Distancia sen Drafting 2016 os campións foron Dapena e Sonia Pariente.