O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON DISTANCIA OLÍMPICA CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA EN BANYOLES

2 de Setembro de 2016

A localidade catalá de Banyoles acollerá esta fin de semana (3 e 4 de setembro) o Campionato de España de Tríatlon na distancia olímpica cunha importante representación das e dos deportistas galegos que tentarán loitar polos primeiros postos da clasificación. Ademais, tamén se celebrará o campionato de Europa de tríatlon por clubs, no que Galicia estará representado polo Cidade de Lugo Fluvial.

A proba de elite e sub 23 feminina celebrarase o domingo 4 de setembro ás 09:15 horas e na mesma estarán destacadas triatletas galegas, coma Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), Silvia Deira (Arcade Inforhouse), Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol), ou  Carla Castaño (Arcade Inforhouse).

A proba masculina comezará ás 12:15 horas e na saída contaremos con triatletas galegos que tentarán loitar polos primeiros postos coma Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo), Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial), Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Diego Paz (Arcade Inforhouse) ou Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse), así coma o deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, Fernando Alarza, que é un dos grandes favoritos. As distancias neste campionato son de 1.500 metros de natación, 39,6 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe. Todo o percorrido descorre polo lago de Banyoles e os seus arredores.

 Resultados 2015. Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) acadou a medalla de bronce no Campionato de España de Tríatlon na distancia olímpica  que se celebrou o pasado ano en Altafulla (Tarragona). Na categoría feminina non houbo medallas para as deportistas galegas.

 Campionato Europa de Clubs. O sábado 3 de setembro (09:00 horas) celebrarase o Campionato de Europa de Tríatlon por clubs, no que contaremos coa presenza do Cidade de Lugo Fluvial. É unha proba de relevos mixtos na que cada un dos integrantes do equipo deberá facer un mini-tríatlon (300 metros de natación, 6.600 metros de ciclismo e 1.600 metros de carreira a pe).

Quizáis che interese…