Esta fin de semana (13 e 14 de outubro) remata en Sevilla a Liga Nacional de Clubs de Tríatlon, coa disputa das dúas últimas xornadas (o Campionato de España de Tríatlon por Clubs e o Campionato de España de Relevos mixtos). O Cidade de Lugo Fluvial, que defende o título dobre (masculino e feminino) do pasado ano, chega a estas citas como líder provisional da Liga nas dúas categorías. Ademais o Arcade Inforhouse é segundo na categoría masculina e o Tríatlon Ferrol, terceiro na feminina.
Campionato de España de Clubs. O sábado 13 celebrarase o Campionato de España de Tríatlon de Clubs de Primeira División, Segunda División e Terceira (quinta xornada da Liga Nacional de Clubs) coa participación de 70 equipos e aproximadamente mil deportistas. Na Primeira División, tanto masculina como feminina, haberá representación galega que loitará polos primeiros postos. A proba feminina comezará ás 13:45 horas, coa participación do Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse e Tríatlon Ferrol, representando ao tríatlon galego. A proba masculina, que comezará ás 16:30 horas, contará con dous clubs galegos: Arcade Inforhouse e Cidade de Lugo.
Cada entidade debe presentar un equipo formado por un mínimo de 8 deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes. A proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20,1 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe).
Na segunda División feminina participará o Náutico de Narón e na masculina, o Tríatlon Arteixo e o Olímpico de Vedra.
O domingo 14 de outubro (12:00 horas) disputarase o primeiro Campionato de España de Relevos mixtos (proba olímpica en Tokio), que será ademais a sexta e última xornada da Liga Nacional de Clubs. Os equipos están formados por catro deportistas (dous homes e dúas mulleres) que realizarán, cada un deles, un mini sprint (300 metros de natación, 6,7 quilómetros de ciclismo e 1,6 de carreira a pe), antes de dar a quenda ao seguinte compañeiro.