O CIDADE DE LUGO FEMININO PROCLAMOUSE CAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR CLUBS, MENTRES QUE O EQUIPO MASCULINO FOI PRATA

13 de Outubro de 2018

O Cidade de Lugo Fluvial segue dando pasos firmes cara a proclamarase, por terceiro ano consecutivo, campión da Liga Nacional de Clubs, tanto na categoría masculina coma na feminina. Hoxe, na penúltima xornada da Liga, o Campionato de España de Tríatlon por Clubs que se celebrou en Sevilla, o club lucense logrou proclamarase campión de España na categoría feminina e subcampión de España na masculina. Mañá pecharase a Liga Nacional coa disputa do Campionato de España de Relevos mixtos.

Na categoría feminina, magnífica actuación dos clubs galegos. Xa comezaron as boas novas, co triunfo do Náutico de Narón na segunda División. Sara Guerrero foi a máis destacada das galegas a nivel individual, ao acadar a cuarta posición na liña de meta.

Despois disputouse a Primeira División, na que o Cidade de Lugo Fluvial partía como líder provisional da Liga Nacional e como favorito. E as lucenses volveron amosar a súa forza para proclamarase campioas de España de Tríatlon por clubs por diante de Saltoki (segundo) e Diablillo de Rivas (terceiro). Ademais, na clasificación individual hai que destacar o triunfo da deportista do Cidade Cecilia Santamaría e o terceiro posto de Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), que ademais logrou o Trofeo Iberdrola por realizar o mellor parcial de natación Aínda que non acadaron posto no podio, magnífico traballo do Arcade Inforhouse, que logrou a quinta posición e o Tríatlon Ferrol,  sexto clasificado.

Tras a disputa da quinta xornada,  o terceiro título consecutivo para o Cidade está moi preto. A entidade lucense encabeza a clasificación provisional da Liga feminina con 310 puntos e vitoria en todas as probas disputadas, mentres que o Diablillos de Rivas é segundo (270 puntos) e o Saltoki, terceiro con 264. O Tríatlon Ferrol ocupa a cuarta posición e o Arcade Inforhouse é quinto.

 Na categoría masculina, o Cidade tamén logrou un magnífico resultado que lle permite seguir como líder da Liga, a pesar de non proclamarase campión de España. O título foi para o FastTriatlón, mentres que o Cidade de Lugo Fluvial logrou a medalla de prata. O gañador da carreira individual masculina foi Ignacio González, do Arcade Inforhouse de Santiago, mentres que Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) foi o galego mellor clasificado, na quinta posición.

Con estes resultados o club catalá do FastTriatlón logra adiantar ao Arcade Inforhouse –cuarto clasificado no Campionato de España de clubs-, que ía na segunda posición provisional da Liga. Pola súa banda, o Cidade segue ao fronte da clasificación e con 16 puntos de vantaxe sobre o segundo, os mesmos puntos que antes de disputarse a penúltima xornada da Liga.

Na segunda División masculina, o Tríatlon Arteixo rematou na novena posición, mentres que o Olímpico de Vedra foi undécimo. A nivel individual de destacar a segunda posición de  Facundo Ismael Medart, do Arteixo.

Cada entidade presentaba un equipo formado por un mínimo de 8  deportistas e un máximo de 10, e todos os participantes puntúan. A proba disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20,1 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe).

Mañá domingo 14 de outubro (12:00 horas) disputarase o primeiro Campionato de España de Relevos mixtos (proba olímpica en Tokio), que será ademais a sexta e última xornada da Liga Nacional de Clubs. Os equipos están formados por catro deportistas (dous homes e dúas mulleres) que realizarán, cada un deles, un mini sprint (300 metros de natación, 6,7 quilómetros de ciclismo e 1,6 de carreira a pe), antes de dar a quenda ao seguinte compañeiro.

Resultados

 

Quizáis che interese…