O Cidade de Lugo Fluvial pechou a Liga Nacional de Clubs de Tríatlon ao grande, vencendo hoxe na última proba (Campionato de España de Tríatlon de Relevos mixtos) e logrando así o terceiro título consecutivo na Liga nas dúas categorías (masculina e feminina). Ademais, o Arcade Inforhouse logrou o subcampionato na Liga masculina.
Despois dunha tempada impecable para o Cidade faltaba o broche de ouro e este chegou en Sevilla, cunhas actuacións memorables coas que confirmou o seu dominio no tríatlon nacional. A proba de hoxe –relevos mixtos- era inédita na Liga e sumaba en ambas as dúas categorías. Nesta modalidade, que será olímpica en Tokio, cada equipo está formado por catro deportistas (dous homes e dúas mulleres) que realizan, cada un deles, un mini sprint (300 metros de natación, 6,7 quilómetros de ciclismo e 1,6 de carreira a pe), antes de dar a quenda ao seguinte compañeiro.
O conxunto do Cidade de Lugo – que estaba formado por María Rico, Kevin Tarek Viñuela, Saleta Castro e Pablo Dapena- mostrouse en todo momento moi firme e compacto, aínda que foi unha proba bastante igualada, na que os clubs galegos tiveron un gran protagonismo, xa que ao Cidade hai que sumarlle o gran traballo do Arcade e do Tríatlon Ferrol, que loitaron dende o inicio polos postos do podio. E con eles competían o Saltoki e o Diablillos de Rivas, este último cun magnífico final.
Pero pouco puideron facer coa solidez dos deportistas do Cidade e Pablo Dapena foi o encargado de aguantar o gran final de Ignacio González (Arcade Inforhouse) para chegar a meta na primeira posición (1:19:56) e lograr así o último título de campión de España para o Cidade de Lugo e confirmar ademais a vitoria na Liga masculina e feminina.
A segunda posición no Campionato de Relevos Mixtos foi para o Arcade Inforhouse (Emily Charlotte, Inés Castaño e os irmáns Ignacio e Alberto González), cun tempo de 01:20:09, mentres que terceiro foi o Diablillos de Rivas (01:20:48).
Tras a suma dos resultados da sexta e última xornada da Liga, confirmouse que o Cidade de Lugo Fluvial sumou o terceiro triunfo consecutivo en ambas categorías da Liga Nacional de Clubs e o Arcade Inforhouse de Santiago logrou o subcampionato na masculina. O Tríatlon Ferrol, que hoxe rematou na oitava posición, non puido manter o bronce do pasado ano, e rematou na cuarta posición da Liga.
2018.Liga-Nacional-de-Clubes.Triatlon-Iberdrola.Femenina (final)
2018.Liga-Nacional-de-Clubes.Triatlon.Masculina final