O CIDADE DE LUGO FLUVIAL MASCULINO, PRATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON CONTRA O RELOXO POR EQUIPOS

11 de Marzo de 2017

O Cidade de Lugo Fluvial masculino acadou a medalla de prata no campionato de España de Dúatlon contra o reloxo por equipos, que se celebrou hoxe en Boiro. Mañá celebrarase o Campionato de España de Dúatlon por relevos. Na categoría Open feminina, o Olímpico de Vedra foi bronce, mentres que o Náutico de Narón foi prata no escolar feminino.

A proba masculina decidiuse por escasos segundos. Dende o inicio, o Cidade de Lugo Fluvial estivo marcando os mellores tempos pero con Ferrer Hotels-M3T pisándolle os talóns. Así, todo se decidiu no último segmento, no que o conxunto mallorquino foi sete segundos máis rápido. Desta forma, o título foi para o Ferrer Hotels (50:51), mentres que segundo foi o Cidade de Lugo Fluvial (50:56) e o bronce para Diablillos de Rivas. O Tri-Penta Terras de Lugo ocupou a 11ª posición.

Na elite feminina, o Cidade de Lugo Fluvial, que perdeu máis de un minuto no primeiro segmento, loitou polo podio, pero non puido alcanzalo a pesar de que remontou bastante tempo no segundo e terceiro parcial. Finalmente ocupou a cuarta posición (01:02:01), mentres que o Ferrer Hotels logrou o título

Esta proba dispútase sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 18 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). Cada equipo está formado por entre 4 e 6 integrantes, faise unha saída individualizada por club e o tempo queda marcado polo cuarto integrante que chega á meta.

Escolar. As primeiras probas en celebrarse foron as escolares, coa compaña da chuvia. Na categoría masculina, o Cidade de Lugo Fluvial A estivo preto do podio, pero finalmente escapóuselle a rematar na cuarta posición cun tempo final de 29:33. Entre os dez primeiros, outro galego, o Tríatlon Ferrol que rematou na sétima posición (29:58). O título foi para o Tripuçol cun tempo de 28:47.

Na categoría feminina, houbo medalla galega co Náutico de Narón (34:46) na segunda posición, que estivo moi preto do campión que foi, igual que na proba masculina, o Tripuçol. O Cidade de Lugo Fluvial foi quinto clasificado (35:55), mentres que o Arcade rematou na oitava posición (37:09).

Open. Na proba Open, no houbo medallas galegas co Olímpico de Vedra B, como mellor galego ao ocupar a sexta posición (57:39). A continuación: Motobike Galaico Pontevedra B (7º), Artrogal-Tri 498 B (8º), Tríatlon Rías Baixas B (9º) e Artrogal-Tri 498 D (10º).

Un club galego si estivo no podio open feminino. O Olímpico de Vedra acadou a medalla de bronce cun tempo de 01:18:48. Ademais, o Artrogal-Tri 498 B foi quinto e o NoSportLimit foi sétimo.

Resultados:

http://timeraces.trackingsport.com/head?bz0xMzc2Jm09MjEzMiZsb2M9ZXM=

 

Quizáis che interese…