BOIRO ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA OS CAMPIONATOS DE ESPAÑA DE DÚATLON POR EQUIPOS E DE RELEVOS CON MÁIS DE 2.100 INSCRITOS

9 de Marzo de 2017

Esta fin de semana celebraranse en Boiro os campionatos de España de Dúatlon por equipos e por relevos con máis de 2.100 inscritos e unha espectacular participación galega. Estes torneos serán ademais, a primeira e segunda xornada da Liga Nacional de Clubs 2017, respectivamente.

Galicia estará representada nestas probas por 25 clubs e 700 deportistas que presentan un total de 116 equipos entre as diferentes probas e categorías.

Hoxe tivo lugar a presentación da proba no Concello de Boiro, coa participación do alcalde, Juan José Dieste; o director de competicións da Federación Española de Tríatlon, Jorge García; o vicepresidente da Federación Galega de Tríatlon, Luis Piña; e o representante da organización do evento, Juan Ramón Vidal, e o técnico municipal de Deportes, Geno Rodríguez.

O Campionato de España de Dúatlon por equipos (escolar, open e elite) celebrarase o sábado 11 de marzo a partir das 13:02 horas. Esta proba disputarase sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 18 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). Cada equipo pode estar formado por entre 4 e 6 integrantes, que terán unha saída individualizada por club e o tempo queda marcado polo cuarto integrante que chega á meta.

A primeira proba en celebrarse será o Campionato de España de Dúatlon por equipos escolar, con distancias máis curtas (2,5 quilómetros carreira – 9 quilómetros de bicicleta – 1,25 de carreira a pe).

 O domingo 12 de marzo celebrarase o Campionato de España de Dúatlon por relevos. Esta modalidade, bastante recente, resulta moi atractiva e espectacular para o público. Terá lugar o domingo a partir das 9:00 horas e tamén se celebrará en elite, open e escolar. Neste torneo os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno dúatlon (1,5 quilómetros de carreira a pe, 5,3 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira a pe).

Resultados 2016. O Cidade de Lugo Fluvial acadou dúas medallas de prata (elite masculina e feminina) no Campionato de España de Dúatlon por relevos, que se celebrou o pasado ano en Soria. Ademais, tamén logrou a segunda posición no podio no Campionato de España de Dúatlon por equipos na categoría feminina.

 

 

Quizáis che interese…