O sábado 29 de marzo celebrarase o XII Duatlón Cidade de Santiago, que é ademais o Campionato Galego de Duatlón, no que participarán os deportistas que lograron a clasificación nas probas do circuíto galego. Entre as dúas categorías, máis de 100 deportistas que loitarán polo título de campión/a galego/a. Ademais, con anterioridade celebrarase unha proba popular na que participarán algo máis de 100 deportistas.
Entre os favoritos na proba masculina destacan Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), Brais Misa (Atletismo Porriño) ou Diego Paz (Arcade Inforhouse) que loitarán polo título de campión galego, actualmente en poder de Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo). En total hai 80 inscritos no Campionato Galego.
Entre as mulleres, Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial), Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo) ou Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) auguran unha gran proba. Marina é a actual campioa, aínda que terá importantes rivais neste campionato, no que están inscritas 30 deportistas.
O Galego terá varias saídas: A proba feminina comezará ás 18:00 horas, e a masculina, ás 18:30 horas. A saída, transición e meta estarán instaladas no estadio de San Lázaro e destaca a dureza do circuíto de bicicleta, cunha ascensión de 2,5 quilómetros en cada volta e 500 metros especialmente complicados, cun desnivel do 10 por cento. As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira.
Con anterioridade (16:30 horas) celebrarase unha proba popular con máis de cen inscritos e menores distancias (2.500 metros -13,2 quilómetros- 1.250 metros).
Campións 2013. Marina González e Gustavo Rodríguez proclamáronse campións galegos de Duatlón 2013 en Santiago de Compostela. Foi unha proba moi especial principalmente polo entorno no que se desenvolvía xa que a saída, transición e meta estaban situadas na Praza do Obradoiro.