O domingo 12 de xuño terá lugar o Aviamán 2016 – VI Copa Deputación de Ourense de Tríatlon coa participación de 130 deportistas. Esta é a primeira proba de tríatlon de media distancia que se disputou en Galicia e destaca polo duro percorrido de ciclismo.
A proba, patrocinada pola Deputación de Ourense e organizada por Beariz Tríatlon, celebrarase entre os municipios de Castrelo de Miño, Leiro e Avión, e ten uns percorridos moi exixentes. Os participantes terán que facer 1.200 metros de natación no río Avia (que da o nome á proba). O máis duro chegará despois, xa que as e os triatletas deberán realizar 65 quilómetros en bicicleta, nun percorrido con 1.700 metros de desnivel e unha paisaxe especular. E xa por último, 14 quilómetros de carreira a pe, un sector suave que descorrerá principalmente (80%) sobre terra e sempre xunto ao río. A saída está prevista para as 09:00 horas dende a área recreativa Ponte Esperela en Leiro.
Desta forma, na categoría feminina podemos destacar a Blanca Lavandeira (Mar de Vigo), Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol), Silvia Deira (Arcade Inforhouse), María Martínez (Atletismo Porriño) ou Mar Villar (Trinorth-Nogasa), gañadora da edición do 2015.
Na proba masculina os favoritos para lograr o triunfo son Cristóbal Dios (Tríatlon Arteixo), Enrique Morán (Atletismo Porriño), Arturo Ramos (Talleres David Tríatlon Compostela). O vencedor do pasado ano, Iñaki Pena-Manso foi baixa no último momento.
Resultados 2015. Iñaki Pena-Manso (Tríatlon Coruña) e Mar Villar (Trinorth-Nogasa) proclamáronse campións do Aviamán 2015, no que participaron 120 deportistas.