O DOMINGO 2 DE FEBREIRO COMEZA O CIRCUÍTO GALEGO DE DUATLÓN DE ESTRADA NO CARBALLIÑO

30 de Xaneiro de 2014

O domingo 2 de febreiro comeza o Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2014 e faino coa celebración do Aviamandu Concello de O Carballiño, que conta cunha inscrición de 120 deportistas.

A celebración desta proba tivo que facerse nun tempo récord e grazas a magnífica predisposición do Club Beariz Tríatlon, que presentou a súa proposta para organizar esta proba ante a suspensión do Duatlón do  Grove polos seus organizadores de forma repentina o pasado día 19 de xaneiro. Así, en dez días, o Beariz traballou arreo para poder manter o calendario previsto e comezar este domingo co Circuíto de Duatlón de Estrada.

Esta incidencia provocou unha menor participación do esperado, pero aínda así hai un magnífico cartel para esta primeira proba do circuíto. Entre os participantes podemos sinalar a Verónica Montes (Trinity Tríatlon), Marina González (Terras de Lugo), María Ortega (Terras de Lugo) e as cadetes Inés Santiago, Sara Guerrero e Carmen Gómez (todas do Tríatlon Ferrol)  na categoría feminina, mentres que na masculina entre outros estarán Gustavo Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial), Nan Oliveiras (Terras de Lugo) ou Ricardo Hernández (Independente).

A saída, transición e meta estarán situadas no parque municipal do Carballiño e as e os participantes deberán realizar 5 quilómetros de carreira a pe, 23 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe. A proba masculina comezará ás 11 horas, mentres que a feminina sairá dez minutos despois.

O Circuíto Galego de Duatlón de Estrada está formado por catro probas. A primeira é a de O Carballiño; a segunda terá lugar o próximo día 1 de marzo en Guitiriz; a terceira é o Duatlón Concello de Lugo (9 de marzo) e finalizará coa proba de Vedra, que se celebrará o día 15 de marzo. Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 22 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago de Compostela a finais de marzo (día 30).

Quizáis che interese…