O DOMINGO 22 DISPUTARASE O DÚATLON CROSS DE MASIDE CON MÁIS DE CEN PARTICIPANTES

19 de Xaneiro de 2017

O domingo 22 de xaneiro (11:00 horas) disputarase o VII Dúatlon Cross Concello de Maside, unha proba que é a segunda do circuíto galego 2017 e tamén forma parte do Aviamán-Cross, polo que reúne moitos alicientes para as e os máis de cen deportistas inscritos (104).

Entre os participantes destaca a presenza do gañador do Dúatlon Cross de Beariz, David Calzas (Tríatlon Costa da Morte); Bruno Da Silva (Lamargha-Beariz Tríatlon), que foi segundo en Beariz; Javier Fernández (Tríatlon Vilagarcía); Darío Manuel Otero (Tríatlon O Treito) ou Elpidio Gómez (licenza dun día), entre outros. Na categoría feminina, Lara Lois (licenza dun día) -que gañou na proba de Beariz a semana pasada-, Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial), Ana María López (Tri Ourense) ou Lorena García (Mar de Vigo).

Os participantes terán que correr 6 quilómetros, facer 20 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pe. A proba comezará na Alameda de Maside (11:00 horas) e o circuíto de bicicleta discorrerá nun 85 por cento por montaña, pola paraxe natural do Puzo do Lago.

O Circuíto Galego de Dúatlon Cross 2017 está formado por tres probas: Beariz, Maside e Candeán. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz, disputada a pasada fin de semana, proclamáronse vencedores Lara Lois (licenza dun día) e David Calzas (Tríatlon Costa da Morte).

 

 

 

Quizáis che interese…