O DOMINGO 24 DE FEBREIRO CELEBRARASE EN SADA O GALEGO DE DÚATLON CROSS CON 130 INSCRICIÓNS

21 de Febreiro de 2019

130 deportistas participarán o domingo 24 de febreiro (11:00 horas) no I Dúatlon Cross de Meirás-Sada, que é ademais Campionato Galego de Dúatlon Cross 2019. Ademais da proba individual tamén haberá carreira por parellas.

A proba celebrarase na parroquia de Meirás, organizada polo Trisada, o Club Ciclista de Sada, o Concello de Sada, a  Federación Galega de Tríatlon e en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte.  Este ano as e os participantes estrean circuíto. Terán que correr 7,85 quilómetros, facer 19 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 4,35 quilómetros a pe. A saída, meta e transicións estarán situadas no Area Recreativa de Meirás e o circuíto de bicicleta (btt) descorrerá nun 90% por montaña.

Na categoría feminina hai pouca participación. Aida García (Club Ciclismo-Tríatlon Poio), campioa de España de Tríatlon Cross o pasado ano en Pontevedra, será unha das protagonistas xunto a Noelia Serantes (Náutico de Narón), María del Mar Delgado (Tríatlon Ferrol) ou Cristina López (NoSportLimit), entre outras.  Non defende o título a vencedora do pasado ano,  Silvia Deira.

Na proba masculina participará o campión galego 2018, Manuel Piñeiro (Cidade de Lugo Fluvial), que terá como rivais a deportistas como Marcos Mayo (Tríatlon O Treito), Martín González (Tríatlon Arteixo), Enrique Morán (Atletismo Porriño), David Calzas (Tríatlon Costa da Morte) ou Darío Manuel Otero Pampín (Tríatlon o Treito).

Clasificatorio Dúatlon Escolar Lugo. Ademais, o sábado 23 de febreiro (a partir das 11:00 horas) celebrarase o Dúatlon Escolar de Lugo, clasificatorio para a fase provincial. A proba disputarase no Paseo do Rato coa participación de case 100 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Clasificaranse os 25 primeiros por categoría e sexo.

O programa do Dúatlon Escolar divídese por provincias e pode haber varias probas locais ou zonais clasificatorias para a provincial ou directamente fase provincial. Desta forma, na provincia da Coruña disputaranse dúas clasificatorias (Carballo e Santiago) e a fase provincial celebrarse en Fene. Na provincia de Lugo haberá dúas clasificatorias (Lugo e Vilalba) e a fase provincial disputarase en Mondoñedo. En Pontevedra directamente haberá fase provincial e por último, en Ourense haberá unha clasificatoria (Ourense) e a fase provincial terá lugar en Maside. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.

 

 

Quizáis che interese…