O DOMINGO 31 DISPUTARASE O GALEGO DE DUATLÓN CROSS EN MASIDE

28 de Xaneiro de 2016

O domingo 31 de xaneiro disputarase en Maside o Campionato Galego de Duatlón Cross, nunha proba que é a terceira do circuíto galego 2016 e tamén forma parte do Aviamán-Cross, polo que reúne moitos alicientes para as e os participantes.

En total hai cen inscritos/as na proba, entre eles os dous actuais campións que queren defender o seu título: Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon).

Marcos Mayo terá enfronte a homes coma David Calzas (Costa do Morte), Darío Manuel Otero (Tríatlon O Treito), Enrique Morán (Atletismo Porriño) ou Elpidio Gómez (licenza dun día), entre outros. Na categoría feminina, Verónica Montes verase as caras con Lara Lois (GV Sports Club) -que gañou na proba de Poio a semana pasada-, Lorena García (Mar de Vigo) ou Silvia Deira (Arcade Inforhouse), entre outras.

Os participantes terán que correr 6 quilómetros, facer 20 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pe. A proba comezará na Alameda de Maside (11:00 horas) e o circuíto de bicicleta discorrerá nun 85 por cento por montaña, pola paraxe natural do Puzo do Lago. Un espectacular percorrido para esta competición.

Esta proba, ademais de ser o Campionato Galego de Duatlón Cross 2016, forma parte do Circuíto Galego que está formado por tres probas: Beariz, Samieira e Maside. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz resultaron vencedores Elpidio Gómez (licenza dun día) e María Martínez (Atletismo Porriño), mentres que en Samiera (Poio) gañaron Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e Lara Lois (GV Sports Club).

 

 

 

Quizáis che interese…