O NOSO PENTACAMPIÓN DO MUNDO XA ESTÁ EN GALICIA

22 de Setembro de 2015

O noso pentacampión do mundo, Javi Gómez Noya, xa está en casa, en Galicia, co seu quinto título mundial no peto e a satisfacción do traballo ben feito.

 

IMG_20150922_090703 - copiaHoxe, a primeira hora da mañá, chegou ao aeroporto de Peinador onde lle estaban a esperar deportistas (Saleta Castro, Pablo Dapena, Diego Paz ou Alba Cuba), o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, amigos, afeccionados e alumnos do colexio Martín Codax, que foron camiñando dende o centro para acadar o autógrafo do deportista. Ademais de numerosísimos medios de comunicación que esperaban a unha verdadeira lenda do deporte galego.

 

FullSizeRenderO deportista explicou que aínda está nunha nube, tentando asimilar o sucedido a pasada fin de semana en Chicago, pero moi satisfeito: “Estou feliz polo conseguido, por como estou a competir e sobre todo, feliz por estar en casa, coa familia, que facía moito que non podía estar aquí”. Os títulos que máis ilusión lle fixeron foron o primeiro –porque cumpría o soño que tiña de neno”- e o último -por conseguir algo que ninguén fixera antes-, pero agora xa pensa no próximo reto: “Os Xogos Olímpicos de Río. Agora toca descansar unhas semanas e despois planificar o traballo para a próxima temporada, que estará enfocada a facer un bo traballo nos Xogos”. Asegura que aínda ten fame de seguir gañando “e iso é fundamental para seguir no máis alto nivel” e ten moi claro que a felicitación máis especial para el foi “a da miña familia”.

 

Tamén se lle preguntou pola posibilidade de que se lle conceda o premio Princesa de Asturias, e aí Javi ten a resposta moi clara: “Eu o que quero é seguir gañando probas e campionatos, que é o que depende de min. Os premios teñen un xurado que é o que decide, non son eu. Eu teño que centrarme na competición”.

 

Agradeceu a presenza dos medios de comunicación e manifestou a súa confianza en que “non só é bo para min, senón para o tríatlon galego”. O galego, coa sempre, atendeu a todos os medios de comunicación presentes e posou coa medalla, saudou a amigos, compañeiros, o presidente da Federación Galega, asinou autógrafos e fixo fotos con todos aqueles que se lle achegaron e rematou atendendo aos rapaces do colexio Martín Codax, que acudiron ao aeroporto para recibir ao campión do mundo.

 

 

Quizáis che interese…

Acuatlón Castrelo do Miño

Acuatlón Castrelo do Miño

O pasado fin de semana celebrouse a Copa Deputación Ourense de Acuatlón - Acuatlón Castrelo de...