Fernando Alarza, actual líder provisional del Mundial, e Inés Santiago disputarán o sábado 15 de xullo a quinta proba das Series Mundiais de Tríatlon 2017, que se celebrará en Hamburgo. Precisamente esta proba será a máis dura da tempada, alomenos polo nivel dos deportistas inscritos.
A proba masculina comezará ás 16:00 horas e disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe). Alarza –deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD e con licenza galega- sairá como líder do Mundial, na proba máis esixente da tempada, xa que estarán os mellores: o ferrolán Javier Gómez Noya (cinco veces campión do mundo), Mario Mola (campión do mundo 2016 e gañador da proba de Hamburgo en 2016), Jonathan Brownlee (subcampión do mundo 2016 e prata olímpica en Río), Richard Murray, Joao Pereira,… Un ramallete de estrelas mundiais do tríatlon. Ademais, estarán os mellores nadadores (Varga, Schoeman, Luis) para tentar romper a proba no primeiro segmento, xa que o circuíto de bicicleta e bastante técnico e estreito, polo que resulta moi complicado reducir as distancias no ciclismo. Por iso, o obxectivo dos nosos é estar no primeiro grupo para chegar con opcións a carreira a pe.
Na proba feminina (14:10 horas) tamén teremos presenza galega. Inés Santiago, que precisamente o pasado ano debutou en Hamburgo nunha proba das Series Mundiais cando aínda era júnior, estará na lista de saída. A galega explicou que se atopa nun bo momento e o seu obxectivo é “facelo o mellor posible. Hai moito nivel así que o meu principal obxectivo é coller experiencia e loitar por estar nun grupo en bicicleta para logo baixarme a correr con xente que faga que me teña que esforzar ao máximo”.
As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Yokohama (Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia), e Rotterdam (Países Baixos). Tralas catro primeiras probas, Alarza é líder provisional do Mundial con 2.743 puntos, por diante de Mario Mola (2.064) e de Gómez Noya (1.862).