O sábado 17 de agosto (18:00 horas) terá lugar o XXIV Tríatlon Vila de Allariz coa participación de 150 deportistas. Esta proba popular sempre ten unha magnífica resposta por parte dos triatletas e este ano volveu a suceder pechándose a inscrición máxima en só tres días.
A pesar de ser unha proba popular o certo é que ten unha enorme aceptación e en Allariz ao longo dos diferentes anos participaron os máis importantes deportistas galegos internacionais, coma Javi Gómez Noya, Saleta Castro, Aída Valiño ou Jesús Gomar. O pasado ano os vencedores da proba foron Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial) e Pedro Antonio Esmorís (Muralla de Lugo). Na edición do presente ano, o Vila de Allariz preséntase moi aberto, sen favoritos claros. Podemos destacar a Silvia Veira (Arcade Inforhouse) e Alba Cuba (Wild Wolf Cidade de Lugo) na proba feminina, e Lucas Escaneo (Tríatlon Morrazo) ou Óscar Justo Villanueva (Motobike Pontevedra), entre outros.
A proba disputarase sobre as distancias de 750 metros de natación, 24 quilómetros de bicicleta e 5.500 metros de carreira a pe. A recollida de dorsais terá lugar na Alameda de Allariz e a proba disputarase nunhas paraxes espectacularmente belas. O segmento de bicicleta é duro, xa que a primeira parte do percorrido é en ascenso, mentres que na carreira a pe combinan parte de asfalto con camiños de pedra con algunha pendente.
Este ano celébrase a XXIV edición da proba e a organización está estudando a posibilidade de facer en 2014 unha proba relevante a nivel estatal para celebrar as vodas de prata do Vila de Allariz. Aínda queda un ano por diante, pero xa se están buscando alternativas adaptadas as condicións do entorno.